Neste medio de comunicación temos defendido en infinidade de ocasións que a forza da sociedade civil organizada é imparable ,que este é o camiño máis adecuado para combater abusos e inxustizas e a única vía posible para que o noso idioma e a nosa cultura poidan seguir existindo nas xeracións futuras. Nós estamos namorados de calquera colectivo organizado que traballe por dignificar a cultura do país galego, e un que é especialmente meritorio é a asociación: Lembranzas da Terra de Guillarei. Este colectivo organiza desde hai 9 anos un marabilloso festival folk, que se está a converter nun dos eventos imperdibles do verán do Baixo Miño. Nós conversamos con Alicia, a secretaria da asociación.
Alicia González, secretaria da Asociación Lembranzas da Terra de Guillarei.
“Convido a todas as lectoras e lectores de A Nova Peneira a que se acheguen a Guillarei o 5 e o 6 de Xullo a gozar do noso marabilloso GuillaFolk”
Canto tempo levas na asociación Alicia?
Uns 13 ou 14 anos.
Es nativa de Guillarei?
Si, de aquí do barrio de Fenteira.
Unha de persoa de Guillarei como se sente: de Guillarei ou de Tui?
Eu síntome de Guillarei máis que de Tui. Creo que a gran maioría das persoas sentímonos máis da parroquia onde nacemos que do concello no que estea a nosa parroquia.
Por que te metiches na asociación?
Porque me gusta colaborar no tecido asociativo da zona onde vivo. Guillarei é o meu pobo, quero ao meu pobo e todo o que poida facer en prol do ben común, para min está ben feito.
Estás contenta co funcionamento da asociación?
Si, funciona ben.
Como vos financiades?
Facendo actividades durante todo o ano:a banda fai actuacións, temos algunha subvención a través do concello, unha cota anual dos socios e socias. En definitiva como calquera colectivo da sociedade civil que se queira organizar para traballar en común: facemos o que podemos.
De canto é a cota de socios e socias?
De 10€ ao ano.
A que che dá dereito o aboar a cota de socio ou socia da Asociación Lembranzas da Terra?
A ter un desconto nas actividades e nas actuacións que desenvolvemos. Facerche socio ou socia é basicamente unha forma de colaborar para soster economicamente a asociación.
Tedes local para as vosas xuntanzas?
Non, xuntamos aquí: no local da comunidade de Montes.
Tedes boas relacións coa Comunidade de Montes?
Si, aínda que todo é mellorable.
Cales son as principais actividades que desenvolvedes?
Montamos unha comparsa no entroido, organizamos o GuillaFolk,tamén facemos o festival de nadal, o magosto ou a festa do socio.
Cales son as actividades que teñen máis éxito?
O GuillaFolk, para nos é o evento más importante.
Estades contentos coa implicación dos veciños e veciñas para coa asociación Lembranzas da Terra ?
Podía ser moito mellor, hai xente que che bota unha man pero case sempre somos as mesmas persoas as que estamos traballando. Pero pasa tamén coas outras asociacións, cando organizamos os eventos temos sempre como asistentes temos máis xente de fora da parroquia ca de aquí e esta parroquia non é pequena. É a máis poboada de todas as do Concello e en superficie a segunda máis grande.
Falemos agora do GuillaFolk, cando naceu?
Este ano facemos a novena edición.
Cando se vai desenvolver esta edición?
Ao longo de dous días: o 5 e o 6 de xullo. O venres vai dedicado ao VII Festival Folclórico e o sábado ao IX Festival de Bandas. Este é o día máis forte.
En que consisten estes festivais?
O Festival Folclórico comeza ás dez da noite co noso grupo Lembranzas da terra de Guillarei, despois actuará o grupo invitado. Sempre soemos traer un grupo de fóra, este ano ven o Grupo de Baile Erasmo Hernández de Gran Canaria. Nós ofrecémoslle aloxamento e comida.
E onde os hospedades?
Este ano hai vestiarios novos no pavillón e van quedar alí, a cousa é enxebre. Xa nos gustaría metelos no grande hotel que temos en Guillarei, pero non vai ser posible.
E para rematar a noite do venres e, como un dos cambios que che mencionei antes, para rematar o festival temos un grupo local de Tui chamado “Algo pasa con Mari” para animar a xente que se quede ata máis tarde tomando algo.
Onde se celebra o festival?
No torreiro da festa da Virxe das Dores.
Polo que me cona a xente, dos lugares onde A Nova Peneira ten chegada, este torreiro é un dos máis bonitos do Mundo cun souto que case nos transporta ao SXIX?
É un lugar precioso, unha carballeira de especie americana. Home, non sei se do mundo pero eu penso que si é un dos torreiros máis bonitos de Galicia. E ten uns espectaculares alumeados nas festas das Dores. Xa me contaba o meu avó de pequena que viña xente de Madrid para asistir a estas festas.
Ben. Agora toca falar do sábado?
O sábado a festa dura todo o día. Este ano comeza diante do concello pola mañá coa recepción das autoridades, seguro estará a concelleira de cultura e esperamos poder contar outro ano máis co alcalde. Como novidade para esta edición temos unha sesión vermú ás 13:00 H e será “Terapia de grupo” o encargado de poñer a música antes de comer, tamén teremos unha feira de artesanía todo o día, inchables e xogos populares para os máis pequenos. Ao mediodía temos un xantar con todas as bandas e grupos invitados e logo ás 22:00 H abrirá o festival de bandas a nosa Banda de Gaitas Lembranzas da Terra, despois temos de invitada a unha banda veciña, A Ínsua de Caldelas, a continuación Donicelas, que é un grupo de Salceda. E como broche final, que vai ser espectacular, temos aos Storrentos.
Caramba os Storrentos¡¡. Eles tocaron na última gala da Peneira e fixeron un remate de gala brutal. Ides ter un magnífico fin de festa con seguridade
Estou segura. Estamos moi ilusionados. Son un grupo cun diferente estilo musical, pero queremos darlle un final de festival diferente. Por outra parte contamos con servizo de barra, bocadillos ou chouripán e queremos darlle máis alternativas musicais aos asistentes.
Que expectativas de asistencia tedes?
Son altas, contamos con boa asistencia de xente e que co tempo nos acompañe tamén, levamos unha primavera moi convulsa pero esperamos que a primeira fin de semana de xullo sexa sen choiva e con boas temperaturas. Tendo bo tempo tes a asistencia de xente asegurada.
Pode vir calquera persoa a festa?
Convidamos a todas as persoas, sexan de onde sexan, a vir por Guillarei e desfrutar do noso festival que é gratuíto.
