Luciano Otero, alcalde de Pazos de Borbén

Luciano Otero, alcalde de Pazos de Borbén.

Despois do histórico, e moi necesario, cambio político acontecido en Pazos de Borbén nas municipais do ano 23 parece que o clima entre os 3 grupos que fixeron posible a investidura do alcalde Luciano Otero non pasa polos seus mellores momentos. Nós conversamos co alcalde de Pazos.

A miña opinión do tempo que levamos no goberno é positiva. Pero será a veciñanza a que valore nas próximas eleccións como foi o traballo do goberno e a actitude da oposición”

Ano e medio despois de iniciar a túa experiencia como alcalde , que valoración fas?

Eu fago unha valoración positiva. Foi un inicio complicado cunhas negociacións custosas para a investidura, pero dentro das complexas circunstancias da aritmética municipal traballamos o mellor posible. Serán os veciños e veciñas quen valoren de aquí ás próximas eleccións o traballo realizado por uns e por e outros.

En calquera caso en Pazos parece haber unha percepción xeral de que a tensión política entre os 3 grupos que fixeron posible a túa investidura é demasiado elevada?

Penso que isto é un erro moi grande. As diferenzas que haxa temos que amañalas de maneira interna e centrar os nosos esforzos en dar o mellor de nós en prol do ben común

Este suposto erro é unicamente por parte do PSOE e do BNG, ou tamén hai responsabilidade por parte de Alternativa ?

Eu recoñezo a parte que me toca a min. Foron uns inicios moi difíciles especialmente cando tiven que compaxinar o goberno co traballo por non ter amañado as dedicacións. Nese momento si que me puido faltar capacidade de diálogo. Pero non foi por mala intención, senón por estar desbordado pola situación.

Canto tempo estiveches a compaxinar o teu traballo coa alcaldía ?

Sobre uns tres meses. Pero xa desde o primeiro día se nos fixo unha oposición moi dura. Non é que non nos deran os 100 días de cortesía, é que xa desde o momento da investidura o representante do PSOE cargou duramente contra min, algo que me pareceu asombroso.

Con que argumentos cargou contra ti na investidura? .

Con poucos argumentos políticos. Fixo demagoxia co tema do salario.

Hai pouco o PSOE de Pazos tirou unha nota de prensa moi dura, reclaman a túa dimisión e mesmo poñen condicións sobre a persoa que che tería que substituír. Non tes medo de que o representante do PSOE apoie unha moción de censura do PP?

Sería a súa responsabilidade dar un paso dese calibre. Ese ton da nota de prensa é o que tivo desde o principio. A persoa da corporación que menos votos ten, crese chave para gobernar e quere condicionalo todo.

Como exemplo da súa forma de facer política podemos falar do polígono de Amoedo: No programa levaban que quería chegar a un acordo para desbloquear a situación e logo votaron en contra e a súa postura foi presentar en nome do concello á Comunidade de Montes unha serie de reclamacións totalmente disparatadas para negociar el.

Pero desbotas a posibilidade dunha moción de censura do PP apoiada polo concelleiro do PSOE?

Eu limítome a gobernar o mellor que podo coa situación e os recursos que temos. Cada un de nós somos responsables dos nosos actos.

A situación aritmética que ten o teu goberno, catro de once, esixe diálogo e capacidade de acordos co BNG e co PSOE. Non hai forma de reconducir as cousas?

Co BNG o clima é outro e hai outra altura política. Penso que con Xurxo é factible chegar a acordos e ter unha relación de concordia.

Coa actitude que amosa o PSOE de Pazos penso que non hai negociación política posible.

Pero necesítalo, porque sen o seu voto non podes aprobar nada.

Pero no momento que unha persoa anuncia que non vai apoiar absolutamente nada do que propoñamos xa non está deixando marxe a negociación ningunha.

Estarías disposto a sentarte con el e tratar de amañar as cousas?

Pola miña banda sempre estou disposto ao diálogo. Pero cando unha persoa entra no concello e grava a traballadores municipais comigo para colgalo en rede, pois pono realmente difícil.

Explícame iso?

Entrou non Concello e gravou un vídeo ás agachadas, gravoume falando con traballadores municipais e publicouno nas redes sociais.

Ao respecto de que tema se fixo, presuntamente, esa gravación?

Por un atraso nun expediente. Xubilouse a persoa que levaba isto e por un axuste de redistribución do seu traballo houbo un atraso en dar acceso a un expediente que pedía a oposición.

Gravou todo isto mentres entraba no despacho a pedirme o expediente. Xa no seu día fixo publica unha conversación privada de Whats app entre os dous. Logo pediume desculpas e eu acepteinas, pero parece ser que non aprende.

Imos falar de xestión, dicíasme que estabas moderadamente satisfeito do resultado da xestión deste ano e pico de mandato, por que?

Fixemos reorganización interna do funcionamento do concello. O mais visible é a xestión do lixo que mellorou notablemente porque asumimos a prestación directa para a que recibimos un camión do que os tramites da súa compra fixéraos o PP no seu día, pero non había ningún proxecto para el.

Tamén estamos a facer traballos nas depuradoras para deixar de recibir multas por levar anos sen facer ningún investimento, fixemos auditoría de saneamento e de abastecementos de augas. En temas ambientais estamos a facer un traballo que comeza a dar os seus froitos e para o que solicitamos subvencións. Estamos a apostar polas enerxías renovables, fixemos a xestión de dar de alta en autoconsumo o tema dos paneis solares do concello e dos colexios. Estaban instalados polo PP pero sen dar de alta e levaban un ano producindo enerxía sen que repercutise no concello. Tamén pedimos permiso para instalar máis paneis solares para que se poidan beneficiar os veciños.

Un tema fundamental na política de Pazos é a situación da Estrada de Nespereira. Como vai ese asunto?

Con atrancos e dificultades pero parece que vai por bo camiño. Persoalmente decepcionoume a actitude do presidente da Deputación.

Por que?

Cargou en varias ocasións contra o concello culpándonos do atraso, din que tardamos cinco meses en asinar o convenio. O novo goberno da DEPO púxonos enriba da mesa un convenio de achega do Concello de Pazos para esta obra no que nos piden máis de 40.000€. E o acordo que tiñamos coa anterior DEPO exixía ao Concello unha achega inferior a 15.000€.Levounos un tempo conseguir eses 40.000€ para poder asinar o convenio.

Sobe máis do 100% a contía que ten que achegar o concello. Esa suba foi o motivo de atrasar a sinatura?

Si, exacto. Ademais advertímoslle á DEPO que no convenio metíannos a nós unha expropiación dunha finca que está no concello de Redondela. Xa só esta finca en concreto eran 11.000€ e non nos correspondería pagala a nós. A Deputación no canto de recoñecer o erro púxose nunha actitude connosco case chantaxista: Ou aceptabamos iso ou nada.

A DEPO tirara unha nota na que afirmaba que xa tiñan o convenio e que estaban a esperar por vós para asinalo.

Si, correcto iso fixeron. Pero a realidade é que cando entraron na Deputación tardaron máis de 8 meses en dar sinais de vida. Eles xa tiñan un borrador dun convenio encima da mesa e podíase ter asinado nun mes. E cando nos mandaron o novo convenio tiñamos que achegar case o triplo de cartos que os que nos obrigaba o anterior acordo, e con aspectos de dubidosa legalidade. De aí o atraso

Cando se asinou o convenio?

A finais de Outubro. O que nos preocupa é que este convenio é para arranxar menos de 1 quilómetro.

De onde ata onde?

Desde os Valos ata o cruzamento que vai para a igrexa de Nespereira.

Un tramo moi pequeno, esta estrada é duns 8 quilómetros. Por un quilómetro tendes que poñer 40.000€?

Si.

Cando comezan as obras?

Agora está en mans da Deputación, teñen que licitar .

Pero non tendes previsión de data?

Non. O presidente da Deputación dixo que tiña moitas ganas de levar adiante esta obra.

E do arranxo dos seguintes tramos, sabes algo?

Non. Na firma o presidente díxome rotundamente que non, que ata que se acabasen as obras non se empezaría cos trámites do seguinte tramo. Isto é un atraso de anos.

Sobre os orzamentos do Concello que nos dis?

Non foron apoiados pola oposición.

Cando os levastes a pleno?

En maio.

E non os negociastes antes con PSOE, BNG e PP?

Si, o propio PSOE fixo algunha proposta que para nós era asumible e aínda así non contamos co seu apoio. Acabo de iniciar fai un par de semanas o contacto de novo cos demais grupos políticos para que nos fagan as súas propostas para iniciar as negociacións cara ao ano que vén. O BNG xa nos fixo unha proposta negociable, e o PSOE pronunciouse publicamente que mentres eu non marche non vai negociar nada e do PP de momento só hai silencio.

Con que orzamentos estades traballando?

Cos orzamentos do 2022. O PP contando con maioría absoluta non levou presupostos no ano 2023.

É difícil gobernar con orzamentos do 2022?

Si, impide facer cousas que son necesarias

Que pretendes facer no Polígono Industrial de Amoedo?

Está nun limbo legal, está sen aprobar unha modificación puntual, a ver se conseguimos arranxar isto.

No Concello de Fornelos hai unha grave ameaza pola instalación dun mega parque eólico en Ventín que esnaquizaría a Comarca. Cal é a túa posición sobre isto?

Os eólicos non estarían instalados no noso termo municipal pero a liña de alta tensión si, pasaría por Borbén preto das casas, nunha área natural. Desde o concello presentamos alegacións en contra desta liña de alta tensión. Apostamos por outro modelo onde sexan os veciños os que se beneficien da produción da electricidade, como país non temos unha tarifa propia que poida facer máis competitivas ás nosas empresas e beneficiarse os consumidores dunha enerxía máis barata. Montar estes mega eólicos de 200 metros esnaquizaría a Serra do Galleiro e a Carballeira do Barragán.