Despois de moitas décadas ao servizo do pobo de Gondomar, este negocio cesa a súa actividade, pola xubilación da súa propietaria, a finais deste ano 2024. Ata ese momento quen teña interese en adquirir algún tipo de mercadoría a bo prezo aínda ten a oportunidade de pasar pola tenda, na rúa Eduardo Iglesias 24 de Gondomar. Nós achegámonos ata o local para despedirnos de Carmen, unha boa amiga de ANP desde hai moitos anos, e desexarlle que poida gozar con saúde moito tempo da merecida xubilación despois de toda unha vida de traballo.
Carmen Franco Iglesias.
“ A fidelidade dos meus clientes vai deixar pegada no meu corazón toda a miña vida.”
Cando remata a vida do negocio Carmen?
A finais de decembro, quédanos pouco máis dun mes de actividade.
Cando naceu “ Tejidos y novedades Carmen”?
Non sabería dicilo exactamente pero hai moitos anos. Nós levamos 44 de relación negocio, e este xa existía desde bastante antes. O local era coñecido de maneira popular como “ A casa de dona Asunción” pero o nome da tenda sempre foi o mesmo.
Foi “ Dona Asunción” quen fundou o negocio?
Si, foi unha muller que veu da Guarda para Gondomar, comprou a casa, montou o comercio e traballou alí,e logo continuou a súa filla Carmen Vicente Álvarez, que foi á que lle compramos nós o negocio.
Estamos falando do ano?
1990. Nós levamos 44 no negocio porque a miña nai foi empregada dos fundadores 10 anos,e a tenda é propiedade nosa desde hai 34 pois foi cando nós a mercamos .
O negocio levástelo todos estes anos a túa nai ( D.E.P)falecida en xaneiro do 2024 e ti?
Si, sempre o levamos as dúas. Houbo algúns momentos nos que tivemos algunha persoa empregada, pero nós sempre estivemos as dúas.
Aproveito a oportunidade para lembrar con afecto á túa nai, unha muller de trato exquisito e de extraordinaria amabilidade.
Moitas grazas Tino.
Que foi o máis bonito de todos estes anos?
Sen ningunha dúbida digo que as e os meus clientes. Houbo tantos e tan bos que o volume do meu agradecemento non cabería no máis grande dos océanos. En tanto tempo pasou por aquí moita xente, incluso de xeracións diferentes: avós, fillos e netos. E moitos deles sempre estiveron: estiveron nos momentos bos, estiveron nos momentos regulares e estiveron nos momentos malos que tamén os houbo. A súa fidelidade e compañía deixa unha pegada de por vida no meu corazón.
Gustábache o teu traballo?
Aínda me gusta e sei que cando se acabe o vou botar de menos.
E agora que a fin da vida laboral está tan cerca para ti, cales son os teus sentimentos?
Contraditorios, case enfrontados. Por unha banda teño gañas de que chegue e gozar dunha etapa moi bonita da vida, pero, como che dixen antes, sei que , polo menos durante un tempo, tamén o vou botar moito de menos.
A tenda continúa?
En principio non. A idea é pechar o negocio.
Na tenda vexo bastante mercadoría, que vas facer con ela?
Pois tratar de dar saída á maior parte posible. Na tenda estarei ata o 31 de decembro e animo a todos os lectores e lectoras a que se acheguen por aquí porque van encontrar oportunidades realmente boas.
A decisión de acabar xa é irreversible?
Si, é totalmente irreversible. Xa non hai volta atrás.
Cando esteas xubilada, ti es das que te vas aburrir?
Non ohhh. Todo o contrario teño moitas cousas en mente para poder facer na que agardo sexa unha etapa moi bonita da miña vida. De feito non sei se poderei levalas todas a cabo, pero por ilusión non vai quedar.
Por exemplo?
Viaxar.
Caramba que ben. E a onde che gustaría ir?
A moitos sitios. Agardo ter a oportunidade de coñecer moitos sitios do mundo que ata agora non puiden coñecer.
Estás recibindo mensaxes dos teus clientes?
Si, de moitos. Especialmente dos que teñen tantos anos de relación co meu negocio que máis que clientes para min son os meus amigos.
Acabamos Carmen: Cando levamos tantos anos co mesmo negocio é porque algo bo fariamos?
Non sei, só sei que tanto a miña nai como min sempre tratamos de dar o mellor de nós mesmas para que as e os clientes quedaran satisfeitos do noso traballo. E só me queda aproveitar a oportunidade que me dan as vosas páxinas para despedirme deles dándolles a grazas pola súa confianza desde o máis profundo do meu corazón.
