Marta Rodríguez Márquez Secretaria do PP de A Cañiza
Chega Decembro e o Nadal. E de paso, as famosas luces.
Se algo se relaciona hoxe en día coas festas de Nadal son as bombillas led, que xa case superan as connotacións que desde hai moitos anos ven deixando a famosa marca de refrescos de cola.
Importantes son as inversións que se fan para poder adornar as rúas co obxectivo principal de buscar unha rendibilidade no comercio nunha época na que o consumo aumenta considerablemente.
Cada un entende isto de forma distinta: hai concellos que comezan a rendibilizar a inversión no mes de agosto, hainos que se presentan a concursos para gañar un acendido de balde e que todo sexa ganancia, hai os que empregan moitas luminarias sen que teñan ningún sentido, hai quen emprega menos pero con mellor gusto, quen acompaña as luces con panxoliñas, e quen emprega as luces como un complemento dunha decoración de Nadal moito máis completa.
Tamén hai aos que lle da igual o comercio ou o número de visitas que poidan atraer os alumeados nestas datas. Seguramente porque os alumeados por si sos non son moi atractivos, xa que luces nesta época, hai por todos lados. O comercio e a restauración das vilas máis pequenas xa o teñen difícil porque as cidades, neste sentido, levan a dianteira: moita máis oferta e moitas máis bombillas. Pero se es o último concello en facer o acendido, aínda o dificultas máis.
O importante para os nosos gobernantes é a foto na que saen eles e na que se venden eles. Se hai que acordar horarios de actividades culturais ou deportivas para que non interfiran nese retrato, acórdanse, se temos que ocupar un dos poucos lugares de ocio dos cativos para colocar os catro mamotretos de todos os anos, faise. Total os nenos non votan. Xa non teñen un parque en condicións, e agora, durante un mes de vacacións, tampouco praza.
As luces tamén son un elemento ilusionante nestas datas, co que se intenta conseguir un ambiente festivo para a cidadanía. Cando tes algún interese na cidadanía, claro. Cando o único interese é persoal, non hai ningunha présa por colocalas nin en acendelas. A foto de campaña propia no Facebook,, fai o seu efecto en calquera momento do mes de Decembro.
Temos claro, despois de seis anos xa, que as persoas non importamos o máis mínimo se non hai comicios á volta da esquina. Somos os últimos sempre por unha razón, ninguén nos toma en serio. E iso temos que agradecerllo ao traballo dos nosos gobernantes: as luces empézanse a colocar cando xa todos levan semanas coas súas acendidas, os Reis Magos veñen tres días antes que no resto do mundo… e asi con todo.
Así que o tema das luces, agocha ás veces, este tipo de sombras, nas que se camuflan o desinterese e a apatía pola xente. Nalgúns lugares, o acendido de Nadal é un mero trámite que de paso deixa algunha foto de campaña persoal nas redes sociais, e nada máis.
A desidia é tal, que están sendo cada ano máis veciños os que están tirando do carro facendo as súas propias composicións en balcóns, fiestras e patios, conseguido o que non consegue o alcalde, que as luces da Cañiza sexan noticia na TVG.
