A Dignidade e integridade da CM de Tameiga logran vencer ao poder económico e conservar o monte para a veciñanza

A Dignidade e integridade da CM de Tameiga logran vencer ao poder económico e conservar o monte para a veciñanza

Tino Lago

Non resulta doado escribir sen emocionarse sobre a loita que desde o ano 2017 ven desenvolvendo a CM de Tameiga contra o poder económico da familia Mouriño e o poder político do goberno de Mos, que neste asunto en concreto non fixo outra cousa que abdicar das súas responsabilidades para coa veciñanza de Tameiga e traballar como meros axentes comerciais da propiedade do Celta.

Cando os intereses da oligarquía económica poñen os seus ollos e as súas gadoupas nas terras de outros, nunca é para beneficiar a eses outros, é para beneficiarse a si mesmos. E cando a administración municipal da localidade na que se encontren eses terreos toma partido descaradamente por quen ven de fóra, pero que ten os cartos e o poder, a loita dos afectados complícase substancialmente porque teñen que pelexar nunha fronte de batalla dupla: contra os poderes económico e político.

A actitude do goberno de Mos neste asunto e da súa alcaldesa en especial traspasou todas as fronteiras éticas que se poderían esperar nunha persoa que se dedique á política cun mínimo de honestidade intelectual, pois estiveron sempre sen excepción do lado do Celta e estiveron sempre sen excepción combatendo con contundencia á CM de Tameiga, como se eles non fosen veciños e veciñas de Mos. Estiveron do lado do poder e estiveron fronte aos seus veciños e veciñas de Tameiga. A alcaldesa chegou ao extremo disparatado de declarar a unha parte da veciñanza de Mos( a CM de Tameiga) como unha comunidade non grata, algo que eu non recordo en ningún outro alcalde ou alcaldesa nos máis de 30 anos que levo analizando a actualidade política.

Tal barbaridade é politicamente intolerable, e debera ser suficiente para que o castigo electoral que reciba nas vindeiras eleccións municipais a mande dunha vez por todas para sempre xamais fóra da alcaldía de Mos.

O certo é que a unidade, a integridade e a firmeza dos comuneiros de Tameiga ao longo de todos estes anos foron admirables, abraiantes, marabillosas, foron ata emocionantes para quen temos o costume de non mirar para outro lado, e poñernos sempre sen excepción cóbado con cóbado e corazón con corazón a carón dos que sofren abusos e inxustizas.

E o resultado final de todos este anos de loita foi que a CM de Tameiga gañou. Si, gañou sen discusión, si, gañou sen nin matices. A propaganda emitida pola alcaldesa de Mos ao respecto deste asunto é iso,só propaganda de quen con todos os recursos ao seu favor non foi capaz de facer dobrar o xeonllo aos comuneiros de Tameiga.

Algún día cando todo isto se estude nos libros de historia non haberá ningunha dúbida de onde estivo a dignidade, e onde nin apareceu nin se espera que apareza.

É un orgullo darlle espazo en ANP ás persoas da CM de Tameiga. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa con:

Cao, vicepresidente, Laura secretaria, Carlos vogal, Ponciano vogal e Gonzalo coordinador

Cando comezou o conflito con Celta?

Entre finais do 2017 e principios do 2018

Estivestes máis de sete anos mergullados neste conflito. Afectouvos emocionalmente?

E tanto que nos afectou. Foi absolutamente terrible, foi como vivir coa espada de Damocles pendurada enriba dos nosos pescozos todos os días, todos e cada un dos días sen excepción. Tivemos que soportar todo tipo de presións, incluso de tipo xudicial, por parte duns indesexables que carecen de escrúpulos para sementar a xenreira entre a veciñanza, para empezoñalo todo co único obxectivo de conseguir os seus obxectivos e alimentar o seu narcisismo pueril.

Nestes máis de 7 anos de conflito a posición da asemblea de comuneiros mantívose unida?

Agás dous casos puntuais de tránsfugas, de dúas persoas que exerceron o transfugismo político, si, radicalmente si. As directivas da CM sempre sentimos o respaldo unánime da asemblea de comuneiros. Nós, como non pode ser doutra maneira obedecemos a vontade colectiva maioritaria das persoas que forman parte da nosa comunidade.

Que suporía para a CM o proxecto inicial do Celta?

Practicamente a desaparición da CM. Era unha cantidade inmensa de terreo afectado que se levaba por diante todo o noso monte.

Cando a finais do 2017 presentan o seu proxecto el “ Los Escudos” vós fostes convidados a esa presentación?

Non, nós autoconvidámonos porque nun acto que presentaba unha actuación das que nós seriamos os principais prexudicados non tiveron a delicadeza de convidarnos. Alí puxeron en escena unha montaxe de tal dimensión que xa nos decatamos de que a loita ía ser moi seria.

Xa hai varias décadas o Celta tratara de arrasar Tameiga, esa batalla gañárase naquel momento

Si, gañárase grazas a unha parte da veciñanza que pelexou sen descanso contra os caciques

E a actual batalla tiña unha moi mala pinta, pois tanto o poder económico como o político estaban tras o proxecto ?

Tiña unha pinta terrible, si, case todo o monte ía desaparecer e as traídas de augas das que beben aproximadamente 5.000 persoas ían ser afectadas tamén.

O Celta aplicou con vós a política de feitos consumados de: Esto é o que hai, se che gusta ben, e senón tamén?

Si, indiscutiblemente si.

As comunidades afectadas eran a vosa e a de Pereiras. Como se desenvolveron os acontecementos?

Pereiras aceptou. Nós sometemos a decisión á valoración da nosa asemblea e como che comentamos antes, de maneira practicamente unánime, a decisión colectiva foi a de non aceptar.

Unha vez que tomastes a decisión de non aceptar a proposta do Celta, que pasos seguistes?

Tratamos de acadar a maior cantidade de apoio social posible. Falamos coas traídas de augas, cos colectivos ecoloxistas, coas asociacións de comerciantes das localidades veciñas.

Que vos encontrastes?

Un apoio moi elevado. A mobilización social que se xerou foi enorme, nós sempre nos sentimos apoiados pola veciñanza e estamos moi agradecidos e orgullosos.

No que respecta ás forzas políticas?

Os responsables de todo este grave conflito foron Nidia Arévalo e o PP de Mos. O resto de partidos:O PSOE, O BNG e GañaMos( cando existía) estiveron ao noso lado e si nos apoiaron.

Nalgunha ocasión, ao longo deste conflito, a alcaldesa de Mos tratou de falar con vós?

Non, nunca.

Mouriño si, verdade?

Si, estivo aquí reunido con nós.

Algunha conclusión desa xuntanza?

O que dixo el cando tomou conciencia de que non íamos ceder: “ Esto vaise facer polas boas ou polas malas”.

Vaia “modus operandi” máis peculiar. Evidentemente existían intereses moi fortes en que fose así. Supoño que intereses que nin coñecemos, ata o punto de levar a unha alcaldesa a declarar a unha parte da veciñanza(vós) como persoas non gratas…

Si, nós declarámola a ela “persoa non grata”, e ela pouco tempo despois a alcaldesa declarounos a nós persoas non gratas.

Sentistes que se vos acosaba nalgún momento?

Acosados e perseguidos de maneira permanente. Sentimos que o goberno local tratou de utilizar á xustiza e á policía local para amedrentarnos.

A chegada da Covid influíu en como se desenvolveron os acontecementos?

Nós pensamos que si. Como vían que o tema se lles caía despézano e en plena pandemia comezaron as obras en Pereiras.

Cambia a presidencia do Celta, e cambian as cousas?

Cando chega a nova presidenta é certo que comeza a mandar globos sondas a través de distintas vías facendo referencia á necesidade de chegarmos a un arranxo. A partir de setembro outubro do ano pasado todo se precipitou.

Ponse en contacto con vós?

Si, a finais de novembro os avogados do celta puxéronse en contacto cos nosos e viñeron cunha proposta na que recortaban a cantidade de terreo afectado. Nós non aceptamos e houbo varias propostas posteriores que ían mellorando progresivamente, ata chegar a un punto no que o noso avogado nos recomendou valorar pois se o fiabamos todo á decisión xudicial íamos meternos nunha situación de cara ou cruz, de todo ou nada.

Parecía que todo ía romper sen acordo ata que recibimos a nova de que a presidenta do Celta quería sentarse con nós. Entón eles formúlannos a oferta final que se concreta unicamente no que acabamos por aceptar: Unha pequena cantidade de terreo para ampliar a estrada e os terreos nos que actualmente está Viveiros Adoa. Eles comprométense a non actuar nos terreos da CM de Tameiga nunca máis.

Como resolvestes vós?

Fixemos unha asemblea informativa previa, e unha semana despois outra deliberativa na que se aprobou o acordo de maneira moi maioritaria, cun resultado de 258 votos a favor, 21 en contra e arredor de 20 abstencións.

O resultado final de todo isto é unha vitoria da CM?

Incuestionablemente si. A CM de Montes de Tameiga defendeu o patrimonio do conxunto da veciñanza nunha loita titánica contra o poder económico e o poder político,e o monte segue sendo veciñal. Outros preferiron cedelo ás primeiras de cambio, eles saberán. Tameiga continúa conservando os seus montes grazas á forza da sociedade civil organizada.

A alcaldesa vendeuno como unha vitoria persoal

Esa valoración da alcaldesa é pura propaganda, carece do máis mínimo rigor e non ten nada que ver coa realidade. De feito as persoas ás que a alcaldesa lles dá o seu agradecemento , o que fixeron, en realidade, é sementar odio e división na parroquia, e a alcaldesa fixo iso máis que ningunha outra persoa.

A maioría dos conflitos sociais acaban, por unhas razóns ou por outras, coa vitoria dos poderosos, a vosa vitoria é unha excepción, unha marabillosa excepción. Como vos sentides agora?

Aliviados, felices ,orgullosos , solidarios e fraternais con calquera que sofra abuso e inxustiza. Animamos a todos os asoballados, aos agredidos aos que sempre perden…. a que nunca se entreguen sen loitar. A forza da sociedade civil organizada é imparable. Os poderosos teñen os recursos, o poder político en moitas ocasións non fai outra cousa que actuar como meros axentes comerciais dos poderosos, pero nós somos máis e se loitamos unidos podemos gañar.