
Ven do número anterior…
Mentres en Bos Aires, coa lóxica falta de comunicación, na Asociación de Residentes de Salvaterra de Miño nesa cidade, á que lle chegaban alarmantes noticias a través da prensa e, a pesar dos riscos, de particulares que se atrevían a informar, daban conta os socios na acta da Asemblea Extraordinaria do 11 de outubro de 1936;
“…Situación no Distrito: Oxea pide a palabra e manifesta que polo que se sabe, na rexión os revolucionarios fusilaron a varios Camaradas, entre eles o actual Concelleiro por Alxén Bernardo Bernárdez, verdadeira promesa para o futuro e pide que cando sexa posible se busque a maneira de axudar a viúva e unha filliña do mesmo e que mentres tanto se lle envíe unha nota de pésame a dita viúva. Asemade pide que como unha homenaxe ó nomeado, e na súa persoa a todos os que caeron na defensa da liberdade, os asembleístas se poñan de pé, o que así se fai…”
Estaban mal informados en Bos Aires xa que os fillos que ficaran sen pai eran dous, non un como xa se sinalou antes, pero é que asemade Carme Trigo, a viúva, ficou grávida dun terceiro fillo;
“Libro de Bautizados da parroquia de Alxén, 1936. Nº 32, Coto D`Ouro. JOSÉ LUÍS TRIGO, de Carmen.
Na igrexa parroquial de San Paio de Alxén, Dioceses de Tui e provincia de Pontevedra, a vinte sete de decembro de mil novecentos trinta e seis, D. Rodrigo Rodríguez Giráldez, cura párroco da mesma, bautizou solemnemente e púxolle o nome de José Luís a un neno que naceu o doce de este mesmo mes e ano, fillo natural de Carmen Trigo Bernárdez. Avós maternos Maximino Trigo González e Angustia Bernárdez Martínez. Foron padriños Luís Abalde López e Rosa Vázquez Alfaro. O avó é natural de Belesar, Arciprestado do Miñor, o padriño de Ponteareas, a madriña de Fornelos da Ribeira, e os demais de Alxén…
A situación de desamparo na que ficara a familia, o terrible desgusto polo asasinato de Bernardo sustento da mesma, ficou patente no asañamento que contra ela tomaron as forzas conservadoras retrógradas. Primeiro asasinaron a Bernardo Bernárdez Martínez, e é como se voltaran asasinalo o negarlle o apelido do pai “Bernárdez” o terceiro fillo, José LuísTrigo, como consta no libro eclesiástico de bautizados. O meniño morreu os poucos meses;
Libro de Defuntos da parroquia de Alxén nº5, 1923 – 1983. Nº 8, Coto D`Ouro. José Luís Trigo, (Párvulo). No cemiterio parroquial de San Paio de Alxén, Dioceses de Tui, Pontevedra, a dezaseis de abril de mil novecentos trinta e sete, D. Rodrigo Rodríquez Giráldez, cura párroco da mesma, deille sepultura eclesiástica no cemiterio desta parroquia o cadáver de José Luís Trigo, de tres meses de idade, fillo natural de Carmen Trigo Bernárdez que finou o día anterior no lugar de Coto D`Ouro. E para que conste anótoo e asino.
No Rexistro civil sí se fixo xustiza, mantendo os apelidos lexítimos do bebé defunto, así:
“Nº 267, JOSÉ BERNÁRDEZ TRIGO.
En Salvaterra provincia de Pontevedra, ás dez horas do día dezasete de decembro de mil novecentos trinta e seis, ante D. Juán Francisco Fernández Sierra, Xuíz municipal suplente e D. Remigio Nieto Virosta, Secretario accidental , procédese a inscribir o nacemento dun varón ocorrido ás cinco horas do día dezaseis do actual na parroquia de Alxén, lugar do Coto D`Ouro, fillo de Bernardo Bernárdez Martínez e Carmen Trigo Bernárdez de vintecatro anos el, vinteun ela, labradora, naturais el de Nogheira (Ponteareas) e hoxe defunto e ela de Alxén de onde é veciña, neto por liña paterna de Juán Bernárdez e Isabel Martínez Gil, naturais de Nogheira e defuntos, e por liña materna de Máximo Trigo e Angustia Bernárdez Martínez, naturais el do Val Miñor e ela de Alxén e veciño el de Bos Aires e ela defunta, e pónselle o nome de José.
Nota: O aquí inscrito morreu o día 16 de abril de 1937, segundo consta o folio 79 do tomo 14 da sección terceira deste Rexistro Civil.
Salvaterra, febreiro 15 de 1941. O Secretario Remigio Nieto.”
En amable conversa mantida entre os netos descendentes de Bernardo e os membros da Asociación para a recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, D. Anxo López e este que subscribe, ocorrida o pasado 08 de agosto deste 2024 en Alxén, contáronnos entre outras cousas, que parece ser Bernardo tiña bastantes libros e a súa dona queimounos por medo ou porque llos mandaron queimar. Tamén nos contaron que Bernardo como panadeiro era bastante xeneroso e vendía moito ao fiado, nalgún caso de necesidade regalaba pan aos clientes. Tiña as débedas anotadas nunha libreta e súa dona, Carme, tentou cobrar após a súa morte, despois de ter moitas negativas da débeda tivo que vender madeira dos montes para poder facer fronte aos pagos que lle reclamaban os provedores. Carme, mesmo como pensamento recorrente daqueles intres, sentíase culpable por ser tan inocente e non avisar a Bernardo do perigo, mandalo fuxir pola fiestra, polo a salvo dos gardas que o viñeron a buscar á habitación onde estaba durmindo a sesta despois de madrugar para repartir o pan.
Finalmente sinalar que o lugar do enterramento, como figura no certificado de defunción, foi o cemiterio de Salvaterra, pero hai que ter en conta que este tipo de defuntos eran soterrados extra muros do cemiterio. Segundo me contou fai moitos anos meu propio pai, o lugar era na parte Noroeste do vello cemiterio, xa que logo, a día de hoxe os restos de varios defuntos, non só Bernardo, estarán con moita probabilidade entre modernos nichos de cimento. Tal relato do lugar, cadra co testemuño dunha veciña de Alxén a quen lle comentaron no seu día que os restos de Bernardo estaban no lugar que manifestei, “preto da antiga fábrica de Pedramol”.
Continuará…
