Outro ano máis o Ateneo Atlántico e a Fundación Xoán Piñeiro convocan o premio de relatos breves Exeria. Nesta 5ª convocatoria o lema de inspiración é “Vigo na cabeza”. Arredor desa idea debe xirar o relato, que poderá ser entregado ata o 1 de maio. É imprescindible que estea en galego, e sexa orixinal.
Nesta convocatoria do 2025, o xurado estará composto polo escritor Xavier Queipo, como padriño, Francisco Fernández Davila e Soledad García Riveiro, gañadores do premio do ano pasado, Xavier Paz, polo Ateneo, e Helena Pousa, pola Fundación Xoán Piñeiro.
A entrega do premio, dotado con 1.500 euros e unha escultura de Cuqui Piñeiro, efectuarase en Vigo, o día 12 de xuño, pola tarde. Acompañará a lectura dos textos perante o público, o grupo de Cantadeiras de Escaravellos de Beade, escollidos este ano por poren en valor a música do noso Patrimonio Cultural, un patrimonio oral que foi tido en conta para o Día das Letras Galegas de 2025, pois a RAG homenaxea en 2025 á transmisión da poesía oral popular grazas ás mulleres cantareiras que foron herdando e mantendo vivo ese oficio en diferentes lugares de Galicia.
Exeriaxa se converteu nun certame coñecido, que ten como obxectivo incentivar a escrita en galego de textos de creación literaria relacionados coa cidade viguesa. Cada ano escóllese un lema e sobre el hai que desenvolver o texto literario, con orixinalidade e bo estilo.
Desde o 2021 en que foron premiadas Azucena Arias Correa con «Vigo, agasallando ledicia visual», gañadora da modalidade de poesía; Adela Pintado con «O Tabú», finalista na modalidade de poesía, e Nones Araujo co relato «Dúas mozas», baixo a idea de “Andainas pola arte urbana viguesa”, o certame Exeria continuou premiando relatos imaxinativos e orixinais como os de Andreia Costas con «Dous vellos con boina negra» e Alfredo Vaz con «Meditacións» baixo o lema “Vigo, futuro imperfecto”, en 2022; Lois Alcayde con «Lugar fermoso», e Pablo Nogueira Campo con «Nós de mariñeiro», baixo a idea “A ría, unha aperta de sal”, en 2023. No ano pasado, o relato gañador e o relato finalista foron os de Francisco Fernández Davila con «O derradeiro alento do boi», e Soledad García Riveiro con «Unha aldea de luz», tendo como lema de fondo “Vigo, aldea de noso”. Coa publicación en 2024 dos relatos gañadores ata o momento nunha edición non venal baixo o título: PREMIOEXERIA.RELATOS2021-2024foi dado outro paso
máis para que este premio se consolide como un dos máis interesantes no panorama cultural vigués na nosa lingua.
Cada cinco anos espérase poder repetir a publicación de todos os relatos gañadores para dalos a coñecer ao público. As bases completas para poder presentarse a este premio, poden ser consultadas en ateneoatlantico.gal.
