Digna Rivas, alcaldesa de Redondela

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela

Ante a situación política tan complicada que vive Redondela, volvemos falar cos líderes das distintas forzas políticas. Nesta ocasión coñecemos a visión da alcaldesa, a socialista Digna Rivas.

Quen pense que pode someter a este goberno e a esta alcaldesa mediante presións, que perda toda esperanza”

Como valoras a situación política de Redondela despois de ter perdido a cuestión de confianza á que te sometiches?

Decidín formular a moción de confianza porque eu non estou atada ao posto. Non acepto ningún tipo de chantaxe. Non o fixen no pasado e tampouco o vou facer no futuro. Quen pense que pode someter a este goberno e a esta alcaldesa mediante presións, que perda toda a esperanza. Eu só obedezo á vontade colectiva do pobo de Redondela. Tamén a fixen por responsabilidade política, pois Redondela precisa aprobar os seus orzamentos.

En realidade é tan indispensable aprobar agora os orzamentos ata o punto de situar a Redondela nunha situación política de moi difícil saída?

Si, é indispensable. Estamos ante os mellores orzamentos da historia de Redondela. Teriamos 2,5 millóns de € máis que nos orzamentos que estamos manexando. E esa cantidade a maiores ímola perder.

E como valoras a actitude da oposición?

Lamento constatar que lle dan prioridade aos intereses partidistas que ao ben común do pobo de Redondela.

Ben, eles terán que facer o seu papel de oposición. Ti, no seu momento tamén fuches oposición

Si, é certo. Eu estiven oito anos na oposición. Pero nunca, nunca xamais fixemos este tipo de oposición irresponsable, de desgaste continuo e de chantaxe permanente.

Cando o PSOE era oposición facilitastes nalgunha ocasión, coa vosa abstención ou o vosos voto afirmativo, algún proxecto estratéxico para Redondela?

Si, rotundamente si.

E a oposición actual?

Non, rotundamente non. Votan en contra de todo por sistema con independencia do que se vote. Incluso votan en contra de proxectos europeos como os da senda urbana. Aínda así, grazas ao noso esforzo e traballo imos sacando bastantes cousas.

Sobre a polémica das peonalizacións que nos tes que dicir?

Que entendo e respecto ambas posturas, tanto a posición favorable como a opinión contraria. Asumo a necesidade de escoitar de acordar e de construír espazos de avinza. Pero nós defendemos a necesidade de peonalizar o casco histórico de Redondela.

Temos clara tamén a necesidade de recuperar os edificios da zona, algo que non é nada fácil, pero no que traballamos sen descanso. Lamento profundamente a posición actual de Javier Bas, posto que isto foi algo que medio se comezou no ano 2012 con el de alcalde.

O tránsito rodado polas rúas do casco urbano é moi elevado, as zonas se están a deteriorar e hai que darlle unha solución con urxencia.

Por outra banda as directrices europeas en relación coas subvencións son cada vez máis exixentes sobre a necesidade de peonalizar os espazos urbanos.

Cabe a posibilidade de que a presión poida contigo e acabes por renderte?

Non, rotundamente Non. Vou dar todo o que teño para facer mellor a Redondela, e non teño nada máis que dicir ao respecto.

Estamos na época máis bonita de Redondela?

Redondela é bonita os 365 días do ano,pero esta época é un tanto especial si. Acabamos coa marabillosa festa do Choco e en nada teremos os monicreques e a Coca.

Sempre que me preguntan por este asunto, sempre respondo o mesmo, pero é que sempre é verdade, polo tanto o xusto é que o diga:Redondela ten unha débeda impagable co seu tecido asociativo. O seu esforzo, imaxinación, talento e creatividade fan que a expresión cultural de Redondela sexa das máis importantes de Galicia.

Eso é un tópico alcaldesa?

Non, é a realidade. Pódoche asegurar de maneira obxectiva e con coñecemento de causa, que moitas persoas de fóra de Redondela téñenme felicitado pola solidez, a densidade e a calidade das manifestacións culturais de Redondela.A modo de exemplo podo dicir que o “Festival internacional de Títeres” sitúa a Redondela como un referente europeo de primeiro nivel no universo dos monicreques.

Que temos pensado facer para este 17 de Maio?

Para o día das letras galegas desde o SNL do noso Concello temos programadas numerosas actividades, dándolle especial relevancia aos obradoiros nos colexios. Fixemos distintas actividades nos centros de ensino dándolle especial relevancia á temática que se homenaxea nas letras deste ano.

Que tal acollida tiveron?

Moi boa, o resultado foi marabilloso. O propio día 17 virán nenas e nenos a participar no acto institucional que teremos no Concello. Tamén tivemos charlas programadas ao respecto das nosas letras nos distintos institutos de Redondela. As actividades do SNL, aínda que co gallo das letras se intensifiquen, non só son nesta época. Son ao longo de todo o ano, pois este é un goberno comprometido de verdade co idioma galego e coa cultura galega.

En relación á memoria histórica imos facer algo?

Si, este xoves teremos unha apaixonante charla da investigadora Montse Fajardo.

O bote Manuel vai ser unha realidade?

Si, aínda falta pero si, vai ser unha realidade.

Podemos adiantar algo da Coca?

Algo, só algo.

Pois ?

Alén das cuestións tradicionais da festividade, teremos o “ venres do rock”, con case oito horas dese estilo musical nun festival que contará coa actuación estelar de “Herdeiros da Crus”