Emiliano Lage, alcalde de Fornelos de Montes

Emiliano Lage

Fornelos de Montes é un concello fermoso. Repítoo moitas veces, e fágoo así porque é moitas veces verdade. A mestura das súas insondables fragas, a beleza das súas augas que engaiolan e o acougo pétreo da súa praza principal, fan de Fornelos o lugar perfecto para vivir ou para gozar dun tempo de lecer.

A partir do 19 de Xullo o Concello inicia a súa etapa de festas e, como é tradición nesta casa,nós fomos ata Fornelos a conversar co seu alcalde. Velaí vai o que deu de si.

Ser alcalde do meu querido pobo é unha inmensa honra para min”

Como valoras os dous primeiros anos deste mandato?

Valóroos de maneira moi positiva. Estamos traballando moi ben coa intención de rematar unha serie de actuacións moi importantes para o ben común da veciñanza de Fornelos, e de operar en todos os sitios nos que haxa necesidades e nós teñamos posibilidades.

A que te refires con iso de “ter posibilidades”?

Refírome a que nós somos un concello pequeno e que os recursos económicos dos que dispomos son limitados, e refírome tamén a que ás veces a burocracia na relación con outras administracións é enormemente lenta.

Cales foron as principais actuacións destes dous anos?

A remodelación da piscina que vai con certo atraso por cuestións técnicas. Agardo que esteamos en disposición de abrila a finais deste mes. Tamén temos dúas actuacións moi importantes no multiusos e no Concello. En ambos edificios estamos cambiando as instalacións de gasoil a pellets, e a electricidade pasala toda a led.

Tamén temos programado quitar a concurso varios camiños rurais, que necesitan reparacións urxentes. Un deles, o que vai ao CC de Vilán, xa o fixemos. Temos 200.000€ para estas actuacións nos diferentes camiños do noso Concello. En breve comezarán as obras do novo centro de maiores que xa saíu a concurso por 1.000.000€ e que faremos nas antigas vivendas dos mestres

Por outra parte na segunda metade do mandato co plan extra da DEPO imos humanizar a praza fronte ao multiusos, dotala de servizos, e facermos alí unha escola infantil.

O cambio de iluminación como vai?

Xa está todo o concello pasado a LED, agás Calvos que sae agora a concurso. Aforramos un feixe de cartos na factura da electricidade.

Notaches algún tipo de cambio nas relacións coa DEPO despois de que o PP recuperara o seu goberno?

O trato con esta administración e con este presidente é bo, ten un talante cordial e dialogante. Non noto diferenzas coa anterior administración. Esta non é a DEPO de Rafael Louzán.

E que tal co asesor Javier Bas?

As relacións son correctas dentro do debido respecto institucional. Eu a Javier xa o coñezo desde hai moitos anos, cando ambos traballabamos en banca, e sempre houbo boa relación mutua.

Como van as túas relacións coa oposición?

Pois nesta asunto non estou nada satisfeito. A oposición que estamos sufrindo neste mandato é en exceso agresiva, ata case poderiamos dicir que é unha oposición destrutiva. Supoño que obedecerá a a que as persoas que captou o PP para meterse no seu proxecto son moi novas e veñen con moita enerxía. O que me produce perplexidade é algo que non vira ata agora, e que si se está dando neste mandato, que é ver ao BNG votar co PP.

Comezamos unha das épocas máis bonitas do ano que é a etapa das festas. Cóntanos que o que temos neste 2025?

Hai moito e moi variado. Como sempre aproveito a oportunidade das vosas páxinas para convidar aos lectores e lectoras a que nos acompañen neses días tan importantes para nós.

Abrimos o 19 de xullo co habitual campionato de Tute e o día 20 temos a festa gastronómica da carne do Suído e da chanfaina.

O 10 de agosto é o día máis importante das nosas festas patronais que serán como sempre o 9, 10 e 11 dese mes.

Como cada ano teremos o festival folk na praia fluvial que xa supera as dúas décadas de vida.

Falando da praia fluvial, temos nova xerencia no chiringuito dese lugar tan bonito, verdade?

Si. A concesión anterior caducou e agora teno unha rapaza de Pazos que está facendo moi ben as cousas. O local está precioso, o espazo é fermoso e está a funcionar moi ben.

Ben, sigamos coas festas?

Tamén teremos as actuacións de cinema na rúa, a festa da escuma, que se fai na praza, e que é un éxito para os rapaces, e os contacontos habituais.

As expectativas de asistencia?

Todos os anos a afluencia de visitantes é extraordinaria, e estou convencido de que este 2025 non vai ser ningunha excepción.

Que tal está funcionando o tanatorio?

Como sabes esa é unha instalación privada, que nós apoiamos. Funciona moi ben. Este era un servizo do que carecía o noso concello e que o noso goberno tiña empeño en pór ao dispor da nosa veciñanza.

Alén das cuestións que antes me comentaches referentes ás actuacións na praza do multiusos, hai algún outro tema que che ilusionaría levar a cabo antes de que remate o mandato?

Ben, como sabes, eu procuro escapar do populismo barato e non prometer obras faraónicas que probablemente non poida cumprir e que nun concello como o noso tampouco terían moito sentido. Eu concibo a práctica política municipal como un servizo público que procure o ben común das maiorías sociais do teu municipio.

O que máis me ilusiona é que todos os veciños teñan perfectamente claro que o Concello é de todos e para todos, e que mentres eu sexa alcalde e o PSOE goberne Fornelos, nunca se vai apartar do seu obxectivo de pór todos os recursos dos que dispón a administración municipal de maneira equitativa e xusta ao servizo do ben común de todos e todas por igual.

Hai moitas cousas que facer: asfaltados de camiños, saneamento, cambio da depuradora….Eu quixera poder facer todo, e quixera poder facelo xa. O problema do que non se pode facer non é a falta de vontade, é a falta de fondos.

Rematamos Emiliano , quedan algo menos de dous anos para rematar o teu terceiro mandato como alcalde de Fornelos. Vas tratar de repetir no 27?

O único que podo dicir ao respecto é que ser alcalde do meu querido pobo é unha inmensa honra para min. Nunca poderei devolver o enorme caudal de confianza que teño recibido da veciñanza de Fornelos. O que pase no 27 está por ver. Aínda faltan case dous anos para as vindeiras eleccións, e o que pode acontecer nese momento só o tempo o pode dicir. Eu sigo traballando coa mesma ilusión que o primeiro día, e así vai seguir sendo ata o momento no que me toque marchar.