Unha nación en marcha para gañar o futuro

Ana Pontón
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG

A nación galega existe. E o 25 de xullo é a data simbólica en que Galiza se mira ao espello e se recoñece, con firmeza e dignidade, como unha nación viva e con identidade propia no mundo. Celebramos o Día da Patria Galega como a expresión colectiva que une xeracións e sensibilidades arredor dunha idea común e poderosa: Galiza ten dereito a existir como suxeito político, como nación con voz propia.

Desde a praza da Quintana, que cada ano se transforma no corazón do país, até cada recuncho das nosas aldeas e cidades, sentimos ese latexo que nos fai camiñar con orgullo. A bandeira azul e branca é símbolo, mais tamén memoria das e dos que loitaron antes ca nós e esperanza de quen xa veñen detrás. É o compromiso de non calar, de non baixar a cabeza, de non aceptar que Galiza quede reducida a unha nota ao pé de páxina na historia escrita por outros.

Este 2025 é tamén ano de memoria e gratitude. Cúmprense 75 anos da morte de Castelao, o noso faro, o intelectual e patriota que entendeu coma ninguén que Galiza precisaba cultura, dignidade e liberdade a partes iguais. Lembrámolo como guía verdadeira do presente e do porvir. O seu legado, o seu exemplo e compromiso continúa vixente e vivo no nacionalismo galego actual.

Con el, con nós, todas as loitas en favor do país. A primeira, a da lingua galega, que segue a ser o alicerce da nosa identidade. Defender o galego é defender a Galiza. Por iso, desde o BNG non deixamos de reclamar políticas públicas ambiciosas e valentes, que garantan o seu uso efectivo en todos os ámbitos: na escola, na xustiza, nos medios, nas redes, na vida cotiá. Fronte os ataques e a discriminación do PP contra os dereitos das persoas galegofalantes e contra o propio idioma, queremos unha Galiza onde falar galego non sexa un acto de resistencia, senón de normalidade e orgullo.

Estivemos tamén nas rúas defendendo a terra fronte ao macroproxecto de Altri, que ameaza os nosos recursos naturais e o futuro das comarcas afectadas. Denunciamos o espolio eólico que transforma os nosos montes en negocio para uns poucos. E loitamos pola sanidade pública, fronte aos recortes e á privatización encuberta, ao lado de milleiros de persoas que queren vivir con dignidade no seu país.

A nosa é unha Galiza viva, aberta, inclusiva, xusta e forte. Que tende a man a quen vén de fóra, que acolle, que coide a diversidade e a pluralidade. Queremos unha patria onde todas e todos teñamos voz, sen importar a orixe, o xénero ou a idade. Unha Galiza con dereitos, igualitaria, feminista e solidaria. Unha patria viva, en movemento, que avanza sen deixar a ninguén atrás.

A nosa forza non nace dun despacho en Madrid, senón da rúa, da xente que cre que é posible outra Galiza. O BNG leva anos demostrando que hai outra maneira de facer política: con honestidade, con valentía, coa cabeza e o corazón postos no país. Cada paso que damos, dámolo coa convicción de que o futuro de Galiza non está escrito, senón que o imos escribir entre todas e todos.

Este 25 de xullo non é unha conmemoración ritual, senón un compromiso renovado. Porque amar Galiza é traballar por ela todos os días. É poñer o mellor de nós ao servizo do común. É seguir soñando cun país libre, próspero e xusto. E ese soño non é utopía: é tarefa colectiva.

Un ano máis, volveremos xuntarnos na Quintana, na compaña da memoria e da esperanza. E alí, ergueremos a voz para dicir que Galiza existe, resiste e avanza. Porque temos historia, temos cultura, temos pobo… e temos futuro. Celebremos xuntos e xuntas a nación que compartimos.

Viva Galiza, viva o orgullo de sermos quen somos.