Festa Virxe dos Aflixidos de Zamáns 2025

Os vindeiros 5, 6, 7 e 8 de setembro celébranse en Zamáns, esta fermosa parroquia de Vigo, con pouco máis de 800 veciñas e veciños, as súas festas na Honra da Virxe dos Aflixidos. Estas festas son sentimento para as súas veciñas e veciños, fin de semana de encontros con amigos da infancia, familiares e xentes doutras parroquias asiduas a vir gozar a este lugar onde non vai faltar o cheiro a cordeiro, marisco, polbo e viño do país e outros manxares da gastronomía do lugar, nuns días de festas inesquecibles.

A comisión encargada este ano da organización da festa, que se celebra no Parque Forestal de Zamáns, é probablemente a máis nova dos últimos tempos con quince persoas de entre 20 e 50 anos.Estas mozas e mozos son un grupo de amigos e amigas que decidiron que non querían que a súa parroquia se quedase sen festas, pois estas son moi antigas, con máis de setenta anos, son unha tradición que non se pode perder porque son motivo de reunións familiares, amigos e amigas, veciños e veciñas que durante estes catro días de celebracións xúntanse para comer, beber, troulear e compartir experiencias. Estas once rapazas e catro rapaces de Zamáns e unha achegada de Valadares, con Cristofer Cabreira Vila como presidente, decidiron coller as rendas da comisión sen ter ningunha experiencia neste campo, pero sen que isto lles impedira facelo con moitísima ilusión e puxéronse de inmediato a dar ideas e traballar para organizar eventos durante todo o ano e así poder sufragar os gastos da mesma, que ascenden a uns 110.000€. Para recadar este montante traballaron durante todo o ano o Bar da Comisión, situado no parque Forestal de Zamáns. Estivo aberto de venres a domingo, festivos e vésperas de festivos. 3 domingos ao mes tiveron a concesión do Aparcadoiro da Feira de San Cosme.

Fixeron bingo social os sábados pola noite e despois do bingo traían DJS asiduamente e organizaron festas para a xente máis nova amante da música, celebraron o entroido de inverno e o de verán, fixeron unha Xuntanza Cabalar e unha Festa do Motor na que ata houbo un camión de carreiras, organizaron un Torneo de Petanca, unha Andaina Popular e tamén tiveron festas infantís con inchables algúns domingos polas tardes para os máis pequechos e pequechas da parroquia e da súa contorna.

Prepararon tamén algunha cena de carnes como a do xabaril e trouxeron un cantante para amenizar as mesmas que tiveron moi boa acollida. O que tamén fixeron foi catro Bingos Eróticos para maiores de idade e non deixaron de organizar a festa do patrón da parroquia, San Mamede, que se celebrou o pasado 7 de Agosto na praza da igrexa. Este día é moi especial para a parroquia. Os grupos encargados de amenizalo son todos de Zamáns, por isto é un tempo de orgullo para os veciños e veciñas. Este ano os actos comezaron ás oito da tarde coa celebración da misa cantada pola Coral Polifónica da AVCR San Mamede de Zamáns. Ao rematar a misa actuou o grupo de pandeiretas Abeleira da AVCR e o grupo de gaitas Xinela, tamén da asociación veciñal. Todos estes actos e a saída en procesión do santo foron ao redor da igrexa. Xa pola noitiña foi o Trío Bahía o encargado de poñerlle música á verbena na praza da parroquia onde as persoas alí presentes, veciños, veciñas e xentes doutras parroquias non deixaron de bailar e troulear ata ben entrada á madrugada.

Xa para a programación dos días grandes do primeiro fin de semana de setembro, festa que nos tomamos como despedida da época estival e volta ao cole e a rutina, non falta grupo nin orquestra das grandes que van vir a Zamáns estes días.

Programación:

A festa comeza o venres 5 ás 20:30h da tarde, será o momento do pregón, do que os integrantes da comisión non soltan palabra, pois queren que sexa unha sorpresa para a veciñanza da parroquia. A continuación haberá empanada gratis para os socios e socias e estará amenizada pola charanga Vai de Baile, será no torreiro da festa.

Como novidade esta ano a comisión organiza o festival de música Encoro Fest, este será a partir das 23:00h da noite no Parque Forestal e a entrada será de balde para todas as persoas que queiran pasar unha noite de festa e música.

O sábado 6 ás 19:30h será a tirada de fogos e, ao rematar, contaremos coa Banda de Música de Tarragona. A verbena comezará ás 22:30h coas orquestras Charleston e Panamá Band que serán as encargadas de poñer música no torreiro ata altas horas da madrugada.

O domingo 7 pola mañá será a banda de música Agrupación Musical Atlántida de Matamá a que acompañará á procesión da Santa á saída da misa, misa que será cantada pola Coral polifónica da AVCR San Mamede de Zamáns ás 12.00h. Xa pola noite, serán as orquestras Funcao Pública e Saudade as encargadas de poñer a nota musical a partir das 22:00h no torreiro.

O luns 8, último día da festa, teremos ás 11:00h. misa e procesión acompañada pola Banda de Música de Guláns. Ás 12:30h poxas e concerto dá citada banda de música no torreiro da festa. Ás 17:00h as populares cucañas, as tradicionais con xogos populares e xa pola noite, a partir das 22:00h. serán as orquestras Combo Dominicano e Cinema as encargadas de dar broche final a estes catro días de festa.

Os actos relixiosos que xiran ao redor desta gran celebración lúdica e relixiosa comezarán o venres 29 de agosto ás 19:00h, este día será o inicio da novena.

O sábado 6 de setembro ás 17:30h haberá ofrenda floral e misa.

Para o domingo 7 as misas serán ás 9:00h, ás 10:00h, ás 11:00h, ás 12:00h (está será a misa cantada coa procesión da virxe) e ás 18:00h da tarde a última do día.

O luns 8 só haberá a musa grande con procesión ás 11:00h da mañá.

Como vedes unha gran programación coa que animar a veciños, veciñas e xente que queira visitar esta fermosa parroquia da contorna de Vigo que se anime este ano a pasarse polas festas de Zamáns, pois esta comisión de xente moi noviña e sen experiencia traballou arreo durante todo o ano, cos seus erros e acertos pero sempre coa boa intención de facer que a xente veña gozar esta primeira fin de semana de setembro a Zamáns.