COUSAS DE SALVATERRA. Forte de S. Luís Gonzaga

Situación das Fortalezas da zona, S. Luís Gonzaga no medio
Xaque
Antón Lourenzo, veciño da Vila

Salvaterra, 15 de agosto do 2025

Ven do mes pasado…

Andaban nestas discusións, de si atacar ou non o exército do rei español, dicían uns que sen dilación algunha se atacase, porque traía tan pouca fronte na estreiteza do camiño por onde marchaba, que logo que fose atacado, sería infaliblemente desbaratado, que non solo este motivo pedía esta decisión, senón tamén o feito de encamiñárense os inimigos deica Vila Nova de Cerveira, praza de grande importancia e con pouca defensa, outros, seguindo a opinión contraria, consideraban temerario atacar dada a pouca instrución na arte militar das tropas así como por tratarse de xente mal disciplinada, a pesares que eran a forza que tiñan para a conservación de toda a Provincia, que si ben era estreita e áspera a estrada por onde avanzaban, esta mesma dificultade habían de atopar os que atacasen ós casteláns. O Vizconde entendendo que este parecer era o máis prudente e o máis seguro, mandou retirar os bateadores da Compañía de Diogo Pereyra, que deran principio a unha escaramuza. Desta maneira foi como os soldados casteláns (máis ben galegos), chegaron a instalarse en San Pedro da Torre, lugar sobre o Río Miño, a dúas leguas entre Valença e Vilanova de Cerveira, na freguesía de S. Pedro da Torre.

Neste lugar franqueando o paso do Río Miño, levantaron os inimigos un forte capaz de aloxar mil Infantes, pareceu máis fácil edificar unha Praza que gañala. O paso que crecía esta obra diminuía o exército portugués xa que os soldados o estar sen ocupación efectiva, por falta de disciplina, moitos abandonaban e volvían onde as súas familias e facendas.

En poucos días acabaron os Galegos o Forte, ó que deron o nome de S. Luís Gonzaga. A guarnición que ocupou o Forte tratou de que os habitantes das aldeas de todo aquel Distrito do Sardal, (Cerdal), que eran os máis próximos, se aviñeran a suxeitarse o novo poderío local. Os paisanos, desprezando a vida por conservar a liberdade, ensinándolle ó perigo o camiño de defendela, cercaron toda a campaña con tantos e embarazosos fosos, que se sustentaron todo o tempo que durou a guerra, sen experimentar o pesado xugo con que os Galegos determinaban suxeitalos, pelexando varias veces, ordinariamente con felices sucesos.

Don Vicente Gonzaga, querendo mellorar de tódalas maneiras as operacións orquestradas, mandou atacar Lindoso, onde gobernaba Manoel de Oliveyra Pimentel, porén sendo descubertos os que deron o asalto, tiveron tan mala sorte que perderon douscentos homes, entre eles Oficiais de importancia e persoas destacadas. Volveron pola serra Amarela con seiscentos Infantes e algúns cabalos, fixeron unha gran campaña naquel distrito, máis acudiu xente de Lindoso tan a tempo, que derrotou a Infantería e restoulle o éxito gañado. Antonio de Almeyda Carvalhaes, que gobernaba Salvaterra, tivo mellor sorte porque nun ataque que fixo, queimou doce lugares, sen recibir dano algún. (Lembrar que Salvaterra estaba en poder dos portugueses).

O Vizconde sostiña o exército con gran traballo, pola dificultade da persistencia da xente nas filas do mesmo, mentres D. Álvaro de Abranches sufría serios achaques de sorte que con repetidas instancias pediu a Rainña o relevo. Considerando a Raiña estas razóns, nomeou ó Conde de Castell-Melhor por segunda vez Gobernador das Armas de entre Douro e Miño. Na confianza do alborozo con que sería recibido naquela Provincia, que conservaba a memoria dos felices sucesos do seu primeiro goberno. O Conde sempre disposto a empregarse na defensa da súa Patria, aceitou esta ocupación, partiu de Lisboa coa súa familia, acompañado dos seus fillos Luís de Sousa de Vasconcellos e Simaõ de Vasconcellos, ambos valentes e fervorosos. Chegado o Conde a entre Dourfo e Minho, foi recibido de todos aqueles pobos con gran aplauso. Cedeulle Don Alvaro de Abranches o goberno da Provincia e o Vizconde o do exército, sendo advertido da febleza estratéxica na que se atopaban, xa que os Galegos tiñan maior poder e os medios da defensa eran poucos e inseguros. D. Álvaro de Abranches pasou a Lisboa con a aflición dos seus achaques e malas expectativas. O Vizconde retirouse os seus lugares e o Conde de Castell-Melhor, desexando que a Raiña estivera enteiramente informada do acerto con que o Vizconde procedera na ocasión precedente, en dar forma ao exército que se opoñía ós Galegos, recrutando xente, socorrendo Valença e impedindo máis entradas en cuanto durou a obra do Forte de S. Luís, deulle conta extensa de todas estas particularidades. A Raiña ficou moi agradecida ó Vizconde de todas estes desvelos executados en servizo de El Rey e en defensa do Reino.

Entrando o Conde de Castell-Melhor en consideración do gran dano que recibía aquela Provincia coa construción do Forte de S. Luís, do que era moi difícil defendela polas continuas incursións dos Galegos, decidiu levantar un cuartel a tiro de canón do Forte, guarneceuno con soldados que puido retirar de outras moitas prazas, inda sendo moi necesarios nestas, animándoos coa asistencia da sua persoa e a dos seus fillos e de outros fidalgos que o acompañaran dende Lisboa.

A partires de entón principiou unha continua e porfiada guerra, que poucos días pasaban sen haber escaramuzas, poucos sen mortos e feridos. E di a crónica,”…máis esta continuación do traballo, este dispendio de sangue foi a escola da arte militar, o crisol do valor, en que se forxaron os gloriosos sucesos que despois conseguiran as nosas Armas naquela Provincia…”

O certo, na opinión de este que transcribe, foi que a Provincia de Douro Minho, estaba mal defendida, falta de subministración, pouco guarnecida, con soldados (en realidade labradores), que a miúdo desertaban para volver onde ás familias por falta de disciplina. Tamén as porfías e disputas entre o Vizconde de Vila Nova D. Diogo de Lima, que mandaba o exército e o Gobernador Álvaro de Abranches (doente), por manter áreas de poder e visións diferentes na guerra. Estas conxunturas foron intelixentemente aproveitadas polo que foi Capitán Xeral da Galiza, entre 1652 e 1658, D. Vicente Gonzaga Doria, militar italiano o servizo da coroa española, para atravesar o río nunha manobra de distracción e atacar Valença e rapidamente volver cruzar o río e situar, a medio camiño entre esta vila e Vilanova de Cerveira, unha cabeza de ponte a carón do río, na freguesía de S. Pedro da Torre, un gran Forte terreiro chamado S. Luís Gonzaga, unha posición fortificada en territorio inimigo que serviu como punto de partida para futuras e proveitosas operacións militares como foron o asedio e caída da torre fortificada de Lapela e seguidamente o asedio e caída de Monção, consecuentemente a recuperación da praza forte de Salvaterra tras dezaseis anos en poder portugués.

Continuará…

(Fontes: Historia do Portugal restaurado. Luís de Meneses. Lisboa)