Abel Losada felicita aos veciños de Louredo (Mos) pola súa implicación para avanzar cara á mellora do acceso desde a N-550

O subdelegado reúnese cos membros da Plataforma veciñal e comprométese a transmitir o “apoio total” á obra

A actuación, pendente da aprobación definitiva do proxecto, está estimada en case 600.000 euros

O subdelegado do Goberno, Abel Losada, mantivo hoxe unha reunión de traballo cos veciños integrantes da Plataforma de Louredo, que levan anos traballando para mellorar o acceso a esta parroquia mosense desde a N-550. O subdelegado felicitou á Plataforma veciñal polo seu compromiso e achega durante o procedemento e comprometeuse a trasladar a necesidade desta obra ante o Ministerio de Transportes.

Losada explicou que a información pública do proxecto foi aprobada en outubro do ano pasado, cando levaba poucos meses como subdelegado, e, polos antecedentes que revisou chegáronse a deseñar ata tres accesos a Louredo ao longo dos últimos anos. “O importante é que agora hai un apoio total da veciñanza e así llo vou a transmitir ao Ministerio de Transportes para que esta actuación se faga canto antes”.

O subdelegado aplaudiu este clima de colaboración e entendemento, que é o que permite avanzar os proxectos na Rede de Estradas do Estado que, pola súa complexidade e os seus intensos tráficos, necesita non só dese consenso, senón tamén de viabilidade técnica.

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible está a traballar para a redacción do proxecto construtivo e así facer posible a remodelación da intersección situada no km 148,650 da estrada N-550. O orzamento estimado das obras ascende a 582.432,27 euros (IVE incluído).

O obxectivo é mellorar a seguridade viaria da intersección non canalizada, que conecta con núcleos existentes na marxe esquerda da Nacional a través dun vial municipal. A actuación proxectada traslada a intersección actual uns 250 m cara ao sur, ata o km 148,900, para mellorar as condicións de visibilidade e seguridade, executando unha variante do vial secundario e dispoñendo unha nova intersección con cuñas de incorporación e saída, carrís centrais de almacenamento e espera e posibilidade de cambio de sentido.