Bas lamenta a falta de dinamismo do goberno local por actuar sempre “a remolque” das propostas do PP, como a petición de arranxo do paseo da Portela hai tres meses

Javier Bas presidente do PP de Redondela

O voceiro municipal lembra que no pleno de outubro denunciaron o mal estado da senda de madeira da Portela e pediron unha inspección técnica, a súa clausura e inmediata reparación e lamenta que o executivo de Digna Rivas tarde tres meses en tomar medidas

· “Estamos ante un goberno esgotado e desgastado que adica todo o seu tempo a perder o tempo, porque o pasa con este paseo é extensible a todos os temas que levamos a pleno”, sinalou o edil, que lembrou que vén de suceder o mesmo coa furgoneta de expedición do DNI

Redondela, 23 de xaneiro de 2026.

O voceiro municipal do PP de Redondela, Javier Bas, vén de denunciar a “falta de dinamismo, de traballo e de interese polos temas e servizos que preocupan aos veciños” por parte do goberno de Digna Rivas, xa que rexeita e ignora reiteradamente as demandas e propostas da súa formación e logo actúa sempre “a remolque” e trata de impulsalas, como no caso da petición de arranxo do utilizado paseo da Portela, que foi esixida polos populares hai xa tres meses.

Estamos ante un goberno que non se entera de nada do que pasa na rúa, pero máis grave que iso, que xa ten a súa importancia, é que cando desde o PP lle dicimos as cousas, lle facemos reclamacións, lle trasladamos achegas ou lle demandamos necesidades, as ignora por completo ata que cae da burra e ten que tratar de resolvelas cando os veciños poñen o berro no ceo. Desde o PP somos moi críticos, máis que merecidamente, coa xestión deste feble bipartito en minoría, pero todas as propostas que levamos aos plenos, como estas dúas, son sempre en positivo e a favor dos redondeláns porque somos un partido construtivo que cre en Redondela, así que van sendo hora de que nos fagan caso, porque ademais somos o partido máis representativo e votado”, advertíu o voceiro municipal, Javier Bas, que lamentou que este modus operandi supoña “perder o tempo e prexudicar aos redondeláns”.

Neste senso, o concelleiro do PP lembrou, ante o anuncio de precintado do paseo da Portela e do encargo da redacción dun proxecto para a súa imprescindible reparación, que no pleno do pasado mes de outubro denunciaron o mal estado desta senda de madeira pola falta de mantemento dos últimos anos a causa da irresponsabilidade do goberno de Rivas e reclamaron unha inspección técnica, a clausura da pasarela ante o risco real de accidente para os seus moitos usuarios e a execución das obras necesarias para o seu arranxo. “Non nos fixeron nin caso, pensando que os estabamos atacando a eles cando en realidade só queríamos defender a integridade dos veciños e perdéronse uns meses preciosos no que isto xa podía estar solucionado”, manifestou o edil popular, que cre que Redondela “atópase cun goberno esgotado e desgastado e que adica todo o seu tempo a perder o tempo, porque o que pasa con este paseo é extensible a todos os temas que levamos a pleno e, ao final, acertan cando rectifican e fan caso das nosas peticións”.

Por outra banda, Javier Bas tamén exemplificou esta situación co caso da unidade móbil de expedición do DNI e do pasaporte, “que non é a solución, porque Redondela ten que ter unha comisaría de distrito da Policía Nacional, pero que mentres tanto é imprescindible para moita xente que non pode desprazarse, principalmente os maiores e os mozos sen vehículo”. Neste senso, e dado que foi posta por Digna Rivas como a alternativa á deficiente atención policial, denunciou no pleno de decembro que levaba sen acudir á vila desde o pasado setembro “e novamente, e grazas á nosa petición, reactivouse este servizo no 2026”.