A xustiza da sospeita é ruín, tamén estreita!

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Hai tantos temas neste comezo de ano, tantos que nos poidan preocupar e levar a dar algunha razón ao respecto, que un non sabe cal escoller nin por onde empezar. Algúns, case todos, son problemas que veñen de atrás pero que se aguzan e van facendo máis ferintes e duros, grandes, máis crueis no momento de resolver, precisamente por deixalos pasar pendurados no tempo, pensando quizais se amañasen no esquecemento.

Anque as cousas nunca se amañaron así. Son problemas que pensándoo ben son culpa  do poder en exceso, do abuso dos recursos e de reparticións mal feitas nesta xeografía nosa, entre persoas que queren dirixir o mundo, xestionalo ao seu interese coma se fosen o centro do mundo, do “seu” mundo.

Todo nace desa ambición posesiva, de desmedida ansia que crea as “diferencias  do aparente”. Nace nese abuso que cada vez é máis soberbio e que fai que uns vivan moi ben e os demais coas sobras deses que tan ben viven. A distancia é ben notoria: de ricos e unha ringleira enorme de pobres. Os ricos asumen o poder que lles confiren os cartos e poñen condicións para un reparto desequilibrado, segundo lles conveña, da súa riqueza a cambio de traballos nos que se quedan sempre a mellor tallada e o beneficio case total, xa se sabe que eles non deben perder nin saben sequera arriscar, por iso os traballos son precarios e desequilibrados. A solución haina e todos sabemos dela, porque vai desembocar, co paso do tempo, nunha revolta como sucedeu sempre ao longo da historia, en remedios violentos e de non aceptar o reparto tan mal feito, que sempre precisará de moitas emendas.

Habería que prohibir a riqueza porque de por si, xa é inxusta. Ningún pais debería aceptar esas enormes inmoralidades económicas e especulativas nas que alguén se fai máis rico do que é capaz de contabilizar. Esa riqueza faise posesiva, só duns poucos e impide calquera equilibrio social. Mesmo evaden obrigas e as necesarias cotizacións que –previsiblemente- eran de reparto e acondicionamento contable. Non é moi doado. Os ricos son sempre moi amigos dos que mandan. E iso provoca o que está sucedendo, xa que as leis non reconducen o desfalco, nin a trampa. Agora, máis ben, son cómplices do desaxuste. A readaptación dos regulamentos non dan estado ao día para corrixir demandas e, moito menos, para facer o ben. Sequera ter intención de reverter as terribles diferencias, que causan tanto mal e tanta angustia.

Habería que cambiar a táctica, o sistema que levamos, pois aí habita o desigual principio dunha xustiza que non é equitativa nin proporcional, nin sequera xusta. Unha xustiza que sospeita dos pobres e confía nos ricos, que pon couto ás liberdades, á de expresión, á de ser quen somos, a de protección ao acceso á auga limpa, ao aire limpo, a unha terra boa e nosa, á nosa Lingua en propiedade, a decretos e argumentos de protección aos marxinados e máis sensibles. A sentirnos libres e protexidos.

Xorden os descridos, que non se fían loxicamente. E hai outros aínda peores, os involucionistas e negacionistas, troleiros que crean inestabilidade e cómennos o futuro desde os seus posicionamentos intransixentes, racistas e fascistas, ou tan só con negaren a verdade e a evidencia, ou tamén a historia, que aquí nos trouxo.

Debemos reaccionar e dicir que non, cómpre actuar xa, negarnos e recuperar o respecto polo noso medio, polas liberdades, pero tamén polo respecto a nós e por unha xusta distribución que aínda non se garante no medio destas leis e decretos e que, no seu día, terán de novo ser redactadas e facelas máis de todos e para todos.