Tomiño segue rodeándose de vida, agasallando especies autóctonas como método para previr incendios forestais

Tomiño segue rodeándose de vida, agasallando especies autóctonas como método para previr incendios forestais

O Departamento de Medio Ambiente entregará na edición deste ano uns 1300 exemplares de 9 especies diferentes: castiñeiro, carballo, bidueiro, sobreira, aciñeira, cerdeira, nogueira, érbedo e freixo.

Tomiño, 16 de xaneiro de 2025

“Rodéate de vida”. É o lema da campaña municipal de repoboación e fomento da biodiversidade nas faixas secundarias de xestión da biomasa, con planta forestal frondosa e autóctona, que organiza cada ano por estas datas o Departamento de Medio Ambiente do Concello de Tomiño.

O obxectivo final é o de previr os incendios forestais, sen a necesidade de deixar os terreos ermos, que precisarían dun mantemento constante, creando máis problemas que beneficios. Polo que se plantea nesta franxa, de 50 metros ao redor das vivendas, a substitución das especies como pino, eucalipto e acacia por unha combinación de autóctonas (como o castiñeiro, carballo, bidueiro, sobreira, aciñeira, cerdeira ou nogueira)que non solo frearán a posible propagación nun incendio, se non que favorecerán aspectos como a diversificación de especies, dispoñibilidade de alimento e refuxio para animais silvestres e calidade do solo.

O Concello entregará nas próximas semanas, sen coste algún, exemplares de plantas forestais e frondosas autóctonas como as mencionadas, a cambio de ter correctamente xestionadas as parcelas dos arredores dos núcleos de poboación, sen especies prohibidas, como se establece na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

“Esta é a 4ª edición da campaña, na que temos previsto entregar 1300 plantas, que se suman ás máis de 4000 entregadas dende 2022. Xa temos xente agardando, e, cando chegue a planta, comezaremos coas entregas. É importante que os propietarios interesados nolo comuniquen canto antes para unha mellor organización”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, responsable do programa. Ademais resalta o número de beneficiarios da acción preventiva que ascende a máis dun centenar, ata o de agora.

Desde xa, os veciños e veciñas de Tomiño que desexen repoboar as súas parcelas situadas en faixa secundaria, poden apuntarse no programa pasándose polo Departamento de Medio Ambiente do Concello de Tomiño; enviando unha mensaxe a tecnica.medioambiente@tomino.gal, ou ben, chamando ao 986 62 20 01 (extensión 2).

A entrega das plantas efectuarase nas próximas semanas, do que se informará puntualmente aos interesados cando se acheguen as datas.