COPLAS DE OUTONO

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xoán Alonso. Correspondente de A Nova Peneira en Euskadi
Xoán Alonso. Correspondente de A Nova Peneira en Euskadi
Antes de que chegue a noite,
a tempada escura e fría,
botarémoslle unhas coplas

antes de que morra o día.

Os ríos baixan cantando
eu tamén hei de cantar,
coma a moa no muiño

que non deixa de xirar.

Semella a fin do mundo
fagan o seu testamento,
que imos morrer afogados

cas choivas que están caendo.

Contan os vellos e vellas
que non viran nas súas vidas
tanta auga caer do veo

sobre outeiros e avenidas.

Bate a choiva no Chan
coma quen bate un pandeiro,
fronte a fronte os bailadores

a ver quen baila primeiro.

Bate a choiva nos tellados,
bate na terra e no mar,
bate sobre a miña testa

coido que vou tolear.

Sobre estradas e camiños,
sobre as árbores espidas,
sobre os corazóns de ferro

tamèn nas miñas feridas

Contan na televisión
que isto vai ser un inferno,
outono cheo de auga

e xeadas no inverno.

Bule a choiva en coiros
polas rúas empedradas,
que fermosa a miña horta

e as flores que están molladas.

Xa entramos no outono
atrás quedou o verán,
do ceo chega a choiva

que ven  a bater no chan.

Témoslle que dar as grazas
ás deusas da natureza
por adobiar os campos

con fartura e beleza.

Teño marmelo e noces,
landras tamén abelás
e dúas maceiras cheas

de suculetas mazás.

Unha Pereira con peras
máis grandes ca miña man,
que non maduran na póla

pero maduran no chan.

Hai que recoller os froitos,
son tempos de traballar,
acudide meus amigos

que teño que vendimar.

Afiade as navallas,
tesoiras tamén coitelos,
a quen me bote unha man

convidareino a cachelos.

Haiche dous tipos de xente,
cando hai que traballar
uns veñen asubiando

outros sempre a rosmar.

Xa entramos no outono
con choivas e treboadas,
xa están os camiños cheos

de ourizos e castañas.

Se queredes un magosto
eu vos podo axudar,
coñezo un castiñeiro

no monte do Carrascal.

Ide picando as castañas
cun coitelo afiado,
as cativas e cativos

andar con moito coidado.

O meu veciño Ramón
ten cabazas na súa horta,
cando chegue o Samaín

vai poñelas na súa porta.

Para ensinarlle ós mortos
que deixaron este mundo,
o camiño de regreso

nesa noite, un segundo.

Se vedes na miña porta
unha cabeza encendida,
entrar almas doutro mundo

que a cea está servida.

Vinde fadas onda min,
vinde bicarme no peito
se compaña me facedes

eivos de querer con xeito.

Vou cantar a derradeira
por moita pena que teña
pero por cantar tan alto,

teño a garganta seca.

Estas van para o Estévez
e a xente que o acompaña,
para o brindador Ribeira

unha aperta dende a entraña.

Polo traballo que fan
polo brindo e a regueifa,
por manter viva a cultura,

o eixo da nosa Terra.

Eu ábrolle a miña casa,
as portas, tamèn a fiestra
dende aquí no País Vasco

mandámoslle unha aperta.

Escollan día e hora,
deixo todo na súa man,
vaian facendo a maleta

pra vir por San Sebastián.