- Esta será a cuarta vez que se presente a estes comicios, sendo a primeira Agrupación electoral en toda España que o fai
- Inicia o proceso para recabar as 500 sinaturas necesarias para acudir a esta convocatoria electoral
Redondela, 7 de decembro de 2022.
A Agrupación de Electores de Redondela vén de decidir en Asamblea que se presentará as vindeiras eleccións municipais de maio do 2023. O primeiro paso será recabar as 500 sinaturas de veciñas e veciños de Redondela con dereito a voto que deberán presentar segundo a lexislación actual. En paralelo, AER abre xa un proceso de consulta á veciñanza para que se sumen ao seu proxecto e que formen parte da súa candidatura. “É a filosofía da nosa Agrupación, queremos e debemos renovarnos. Queremos incluír na nosa candidatura novas caras, homes e mulleres que estean dacordo co noso ideario e forma de facer”, explican desde AER. De feito, a rotación de concelleiras e concelleiros de cada mandato, desde 2011, así o refrendan.
Esta é a cuarta vez que AER se presenta a estes comicios, sendo a única agrupación de electores en toda España que o fai. “Estamos seguros de que temos moito que ofrecer ás veciñas e veciños de Redondela que queiran acompañarnos, xa que en todas as eleccións que nos presentamos fomos chave e fomos quen de decidir e de facer oír a nosa voz”, insisten desde a Agrupación. De feito, AER obtivo nas eleccións de 2011, un concelleiro e 832 votos; en 2015, catro concelleiros e 2.837 votos e no 2019, tres concelleiros e 2.164 votos.
En canto á lista coa que se presentan, a Agrupación explica “ao ser unha organización asamblearia, inda temos que votar internamente para decidir as posicións da candidatura”. De feito, continúan, “en AER non hai sitios preasignados, non o sabemos nin nós mesmos e pode darse o caso de que alguén que entre a formar parte da Agrupación agora, resulte o número 1 da nosa lista”. “O importante, e ao que aspiramos, é que de todo este proceso de consulta aberta á veciñanza resulte unha lista de xente comprometida que queira facer as cousas ben porque Redondela o precisa”, conclúen.
