A toda a xente gústalle ir por libre, queremos ir por onde nos peta e sen atender propagandas e indicacións interesadas, mais os ataques á nosa independencia ou neutralidade, a esa soberanía que nos fai posuidores do destino e na liberdade de escoller, son cada día máis sibilinos. Están mellor programados e interesados, asístense desa “intelixencia” dos datos e de interferir na intimidade das persoas para cometer os seus delirios de poder. Pasan por dixitalizarnos masivamente, de tal xeito que nos teñen totalmente analizados e en ficha, postos ao pé da intelixencia esa -seica superior- que castigará a nosa única e singular forma de ser e comportarnos, esta pequena equidistancia feliz na que nos resolvemos inventando alternativas ás verdades que nos contan, moitas delas fantasiadas de supostos e posibilidades, escollendo aquelas direccións que cremos máis axeitadas para o momento e as circunstancias reais que nos envolven. Pero non, xa estamos na súa programación virtual, estamos invadidos da súa ansia, xa teñen esculcado en nós esas alternativas dos supostos e as discrepancias que do común nos arredan do común denominador, do masivo parecer. Non lles importa, aínda sen probas e sen contar co noso dereito emancipador xa teñen previsto o plan para acomodarnos, silenciarnos, sumirnos, e finalmente condenarnos. Inventan calquera escusa, como por exemplo unha censura que veña limitando as razóns que damos, que destrúa en silencio as tolerancias acadadas e, por último, xustificando cos seus desprezos e insultos esas afrontas que nos sinalan, que nos culpabilizan sen xuízo nin proba. Despois, claro está, directamente nos borran do mapa metidos na lista de indesexables. Todo iso sucede nesta loita suicida de ocultar a verdade, de inventarse outras verdades utópicas, de reconducirnos pola media mentira ou a mentira enteira. Fannos loitar con supostos sequera imaxinables, negan o real e a mesma realidade, negan o que para todos é evidente. O que queda diante resulta débil e lévannos á falsidade. Todos convencidos, no escándalo daquela verdade que un día nos conmocionou e mesmo alimentou vontades. Este é o motivo que provoca tantas máscaras, nos tempos que corren. Por iso queda tan ben o Entroido. Si, son inventores e vendedores de fume. Prometen e esquecen, non respectan e inventan miles de desculpas. Fan simulacros entre delirios de poder e de grandeza, agravan a voz en acenos moi ben perfilados. Non poden ocultar o desprezo e sempre atacan o real chegándonos a facer crer, a dubidar e crer que é insuficiente comprender a vida e o mundo, e aí que a realidade é moi cruel e non pode ser certa, entón hai que escapar dela porque será todo falso. Non estamos para perder o tempo en cousas que nos doen e escravizan.
Estando nisto, chega tamén a desproporción en forma de cromatismos e vocábulos. Xa saben, o falar non ten cancelas e, precisamente por iso, non se ruborizan, nada de vergoña! Prohibición de marelos en Cataluña, non lembran? Pobres de nós que temos aquí ese amarelo como bandeira, en flor da xesta e do toxo, do nabo! Ah, e non digamos aquelas ousadas formas xa pecaminosas de incitar ao odio, por exemplo no IES de Cedeira por medio de poemas que celebren o Día Mundial da Poesía. Invencións, manipulación da realidade. Xente hipersensible de tal forma que nos negan o dereito a discrepar e, de paso, obrígannos a apaisarnos como eles queren. Somos ou non somos libres? Trocan a realidade? Somos libres de expresión? Quizais teñamos que expresarnos como digan eles. Eses que están á marxe do dereito e das normas que, segundo din, nos afectan á totalidade. Non se pode, non se debe facer unha disonancia que perturbe aos que se matan a pedir votos, a calquera prezo, anque mintan para captar adeptos, anque nos modifiquen a realidade e nola agachen. Fano asiduamente nos mitins, seica porque se lles esqueceu o que prometeron anteriormente noutras convocatorias, seguirán de boas maneiras e na aparencia, sen conciencia para captar vontades. Unha bacanal. Cren non vulnerar a neutralidade, pásalles como coa vergoña: non a teñen e fan o que lles peta, para poñer problemas aos que non sexan dos seus. Xa haberá un organismo capaz de crer e argumentar derivado da xudicatura ou da “xente de orde”, que xa ven como está todo mesturado, nas proporcións debidas “atado y bien atado” que dicía aquel señor de Ferrol. Pero por favor, non toquen o marelo nin para facer sopas, nin macarróns con azafrán, usen vexetais e con moita fibra que despois tenden á cor castaña. Aquí estamos nesta sen razón de saltarnos unha cor da espátula, sobre todo aquela que dá lugar aos louros e pálidos, esa cor que desmaia outonos con esbrancuxados tons de luz e transparencia. Que cousas ten a democracia esta que nos inventaron, a non real, e alá van tamén as verbas discrepantes. Hai que ver, e creo que so estamos empezando!