O DJ XIAN :Talento galego á conquista do mundo da noite

O DJ XIAN :Talento galego á conquista do mundo da noite

Xian Ferreiro é un rapaz nativo de Vigo, cuxas raíces están na comarca da Paradanta, moi novo, de tan só 22 anos, que leva unha carreira meteórica no que é á vez a súa profesión e a súa paixón: picar musica en discotecas .El é dj, e con moi pouco tempo de experiencia xa ten exercido como dj residente en salas de enorme prestixio, e incluso participado en eventos tan significativos como o Son da Muralla de Salvaterra e o Urban Fest das Neves. Nós falamos con el

DJ Xian Ferreiro Vicente

O que máis me gusta do meu traballo é ver gozar á xente coa musica que pico”

Xian, que estudaches?

Estudei a ESO Despois cursei un Ciclo Medio de Mecánica do Automóbil.

Cando empezou a túa afección pola música?

Desde pequeno xa estaba na casa escoitando música e vendo vídeos de DJs de discotecas, con 13 ou 14 anos que comecei a saír algo sempre me fixaba nos Djs. Unha noite nunha festa dun DJ coñecido quedei toda a noite á beira da cabina vendo como picaba, aí seguín vendo máis vídeos e coa influencia do meu tío Fabián, que daquela tamén era Dj comezou todo.

Onde picaba o teu tío?

Nun local de Ponteareas, facíao como hobby.

Que estilo de música escoitabas cando empezaches a meterte no mundo dos Djs?

A música electrónica.

Con que idade empezaches a picar?

Con 16 anos. A esta idade merquei a miña primeira mesa de mesturas e empecei na casa a facer as miñas sesións e subilas a internet.

Vives nunha casa ou un piso?

Vivo nun piso.

E non se che queixou ningún veciño pola música?

Algún veciño si, pero sempre o facía en horario diúrno e con pouco volume.

Como chegas a ser un profesional da música como Dj?

Foi a través do meu curmán, el é Dj tamén, chámase Pity, é de Porriño e é bastante coñecido a nivel de Galicia, despois do COVID decatouse que eu estaba metido nisto e que me gustaba e conseguiume unha sesión para picar en Pontevedra por primeira vez.

Lembras exactamente cando foi?

En marzo do 2022.

En que sala foi?

Na sala Jackson.

Picaches toda a sesión?

Si, toda a noite, case 8 horas.

Caramba, vaia ritmo, aguántache ben tantas horas?

Si, encántame a música.

Como fas para preparar unha sesión, seleccionas antes a música?

Non, prefiro picar no momento. Depende da sala e do ambiente que haxa poño unha música ou outra.

Que estilo de música pos?

Bachata, salsa, reguetón antigo, o que sexa. Eu pico todo tipo de música.

Como continuou a túa carreira despois deste inicio?

Ao dono desta sala gusteille e propúxome ser o Dj residente, estiven alí durante 6 meses. Despois deste inicio e dos vídeos que subía a redes sociais empezáronme a captar máis discotecas e estiven outra tempada de DJ residente en Ourense.

Como facías para desprazarte, tiñas coche e carné xa?

Si, eu saquei o carné con 18 anos, gústame conducir.

Actualmente en que sitios traballas?

Pola zona do Areal e da zona vella de Vigo, practicamente poño música en todas as discotecas que hai na cidade. Tamén me movo bastante por Ourense e A Coruña.

E como van os contratos laborais para isto, tes exclusividade nalgún sitio agora?

Non, agora mesmo non, fanme contrato por día traballado. Son residente en Vigo pero non teño exclusividade.

En que sala estás de residente agora?

No Roy Bleck, na rúa Oporto.

Vas todas as fins de semana?

Os que podo, cando non toco fóra.

Tes traballo para todas as fins de semana?

Si.

Venres, sábados e domingos sempre?

Mesmo xoves tamén e festivos.

E se alguén che quere contratar, como se pode por en contacto contigo?

Nas miñas redes sociais está o meu número de contacto e o meu correo electrónico.

Como é o teu caché, é caro?

Eu creo que non.

Aspiras a vivir disto toda a vida, es unha persoa moi nova?

En principio non, isto pode saír ben unha tempada e non me vexo con 60 anos picando. O normal é estar ata os 35, 40 anos neste mundo pero, por agora, tampouco teño tempo para estudar ou formarme noutra cousa. Tamén coñezo Djs bastante maiores de 40 anos que son moi bos e seguen vivindo disto.

Como é agora o ambiente das discotecas pola noite, é un ambiente san?

Adoita ser san, pero tamén pasa algo case todas as noites como algunha pelexa ou algo parecido que teñas que cortar a música e pechar o local.

E vense moitas drogas?

Vese algunha, máis do que me gustaría.

Éche fácil aguantar toda a noite sen tomar nada?

Eu son un mozo san, nin bebo, nin fumo, nin me drogo.

Que bebes durante toda a noite?

Augas, adoita facer moita calor e é o que me hidrata.

Que é o que máis che gusta da túa profesión?

Que a xente goce do que fago. Cando está a sala chea e a xente baila ou me felicita polo que pincho, encántame. Que pensen en volver pola música é un orgullo.

E o que menos?

As pelexas, ou que veña xente moi pasada a molestarme, a pedirme cancións ou insultarme.

Poden chegar ao extremo do insulto?

Iso pasa bastante, cando pos música que non lle gusta a alguén que vai moi pasado veñen tocarche os narices. Afortunadamente a inmensa maioría é xente normal e sa, pero sempre hai algún que parece que en vez de a divertirse ven a molestar aos demais

Para acabar, é certo o mito de que os DJ son os que máis ligan na discoteca?

A verdade é que si, pero tamén ten de malo que non sabes se a xente arrímase a ti por que lle gustas ou polo interese.