O Erizana C.F. e o Instituto de Estudos Miñoranos, distingidos coa ‘Medalla de Ouro’ do Concello de Baiona, máxima concecoración que pode outorgar a Corporación Municipal

Concello de Baiona

A Comisión de Honras e Distincións tamén decidiu, por unanimidade, conceder o nomeamento de fillos adoptivos de Baiona a Marie Savariau Dreno e Román Pereiro Alonso e a distinción honorífica de Lazo de Honra a Pedro Novalbos

Baiona, 05 de agostode 2020

O Goberno local de Baiona, seguindo a liña emprendida polas anteriores corporacións municipais, vén de dar a coñecer os distintos galardóns cos que o Concello quere sumarse ao recoñecemento público de todas aquelas accións realizadas por persoas ou colectivos que, sendo ou non naturais do municipio, contribúan coas súas accións e traballo ao engrandecemento de Baiona.

Así, a Comisión de Honras e Distincións do Concello decidiu neste ano 2020 conceder a distinción honorífica de ‘Medalla de Ouro’, máximo galardón que pode outorgar a Corporación Municipal, ao Erizana C.F. e ao Instituto de Estudos Miñoranos (IEM).

A mesma comisión tamén acordou, por unanimidade, os nomeamentos de Filla Adoptiva de Baiona a Marie Savariau Dreno e Fillo Adoptivo de Baiona a Román Pereiro Alonso. Estas dúas distincións concédense, segundo o regulamento do Concello “a aquelas persoas que, sen ser naturais do municipio, destaquen polas súas actuacións extraordinarias e os seus méritos singulares en favor do municipio de Baiona”.

Finalmente a Comisión decidiu outorgar a distinción honorífica de ‘Lazo de Honra’ a Pedro Novalbos, dita distinción recoñece o traballo das persoas, asociación ou entidades “que realicen unha labor relevante no campo das artes e das letras, das ciencias, do social e das humanidades sempre que nas súas obras se diten ou exalten aspectos que afecten ao concello de Baiona”.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, aseguraba á hora de falar das diferentes distincións, que a concesión da ‘Medalla de Ouro’ ao Erizana e IEM, “eran de xustiza”. Polo Erizana, apunta o rexedor baiones, “teñen pasado dende os anos 50, ano tras ano, xeracións enteiras de baioneses e baionesas que, amais de practicar deporte, ‘empapáronse’ dos valores que transmite a práctica deportiva como o compañeirismo, o traballo en equipo ou a solidariedade”.

Pola súa banda o Instituto de Estudos Miñoranos, leva anos traballando arreo “e de forma altruista” para conservar e transmitir “a historia, patrimonio e cultura de Baiona e as súas parroquias e preservando estes coñecementos para as vindeiras xeracións”.

No caso de Marie Savariau e Román Pereiro, filla e fillo adoptivo de Baiona, respectivamente, o rexedor local, fixo fincapé no xeito en que “dende as súas respectivas áreas, levan anos traballando a prol do municipio. Marie Savariau, que traballa para estreitar, cada día máis, os lazos de irmandamento entre Baiona e Pornic e en ampliar a dimensión internacional que ten o noso municipio e Román Pereiro, como un dos principais promotores de ‘Atlántica’, un fenómeno artístico e sociolóxico a nivel nacional e que tivo en Baiona o seu lugar de nacemento”.

Por último, Carlos Gómez, amosaba a súa satisfacción polo ‘Lazo de Honra’ concedido a Pedro Novalbos “unha persoa que máis que traballou e loitou para que Baiona puidera amosar na Casa da Navegación, a veciñanza e visitantes, todo o patrimonio histórico que se tiña atopado no fondo da baía de Baiona e que permanecía agochado nun almacén do Museo de Pontevedra”.