Eva De La Torre Alcaldesa de O Porriño

Eva De La Torre Alcaldesa de O Porriño

Un ano máis achegámonos ata o Concello de O Porriño, para conversar con Eva, a súa alcaldesa. Velaí vai o que deu se di a nosa conversa

NON PODE HABER NORMALIDADE NAS RELACIÓNS CO PP CANDO AO QUE SE DEDICAN ELES CONTINUAMENTE É A TENTAR METERME NO CÁRCERE”

O ano próximo toca celebrar a IV gala de entrega de premios A Nova Peneira, que como sempre faremos no Porriño. Supoño que, como nas anteriores, contaremos coa túa compañía para inaugurala?

Por suposto que si, e como xa che dixen máis veces, o voso empeño en tirar para adiante cun xornal independente e plural, cun acento especial na defensa da identidade e da cultura de Galicia, é encomiable. É para min un orgullo que sempre escollades a O Porriño como sede das vosas galas, e será un pracer, inaugurala.

As circunstancias sanitarias excepcionais fan que este sexa un ano durísimo. Como o estades a vivir no Porriño?

Con moita inquietude polas consecuencias sanitarias e socio económicas, con enorme dor pola inmensidade de mortes que causa esta pandemia e con profunda solidariedade por todas as vítimas, as súas familias e en xeral por todas as persoas ás que estas circunstancias lles provocou dor e sufrimento. As consecuencias económicas teñen moi mala pinta, nós, no noso concello no que ao desemprego se refire estamos resistindo razoablemente ben, pero o último trimestre do ano tenme moi preocupada. Veremos como se desenvolven os acontecementos

Despois das primeiras semanas da desescalada, que semellaban tranquilas pronto comezaron a espallarse os brotes con moita virulencia. Un dos primeiros na nosa área de influencia foi en Porriño. Que sabemos das persoas afectadas?

Afortunadamente está controlado .Foi nun núcleo familiar e as persoas afectadas pasaron a enfermidade sen maiores consecuencias. Sabemos que nalgunha empresa houbo algún afectado, pero en Porriño, de momento, a situación vai ben

Estás contenta en xeral do grao de civismo da poboación porriñesa?

Si, en xeral si. Só abonda con dar un paseo por calquera dos nosos barrios para constatar como a inmensa maioría da veciñanza cumpre coas instrucións de seguridade das autoridades sanitarias.

Porén, eu lembro un control de seguridade que fixo a policía local a finais de xullo e creo que multaron arredor de 100 persoas por non levar a mascara?

Xa, ás veces por desgraza estas cousas son necesarias para que as persoas nos concienciemos da necesidade de protexernos nós, para protexer a todos. Eu mesma, en ocasións esquezo poñela, pero non queda outra que afacerse. É como o cinto de seguridade, imprescindible para salvar vidas

Nalgún concello dinme que están moi preocupados porque o número de familias que requiren da asistencia social para atender ás súas necesidades máis básicas aumenta a pasos axigantados. No teu concello?

Nós fixemos unha modificación orzamentaria de partidas para aspectos non imprescindibles para a vida, para podermos aumentar a dotación destinada á emerxencia social. Nós atendiamos, antes da pandemia a 160 familias que acudían ao banco de alimentos, e agora mesmo atendemos a arredor de 500.

Que barbaridade¡¡

A verdade é que si. E levámolo razoablemente ben porque o concelleiro de servizos sociais David Bargiela, fai un traballo de enorme calidade conseguindo doazóns de alimentos de moitas empresas

Que che pasou no estado de alarma cos veciños de Mos, non lles querías deixar comprar no Porriño?

Eu creo que a Nidia o que lle pasou é que estaba cabreada comigo polas alegacións que fixemos contra a cidade deportiva, pero é que tivemos que facelas para defender os intereses de O Porriño porque temos razón. Pero a ela pareceulle fatal e declaroume “inimiga hostil”. O día dos feitos era festivo en Vigo, o día 28 de marzo, e a subdelegación do goberno decidiu reforzar a seguridade coa BRILAT e a garda civil que eran os que tiñan o mando, e quen ao parar aos automóbiles dirixían aos ocupantes ao supermercado máis próximo ao seus domicilios. No estado de alarma, a seguridade non entra nas competencias dun concello.

Que tal as relacións co teu socio de goberno, o BNG, e que tal as tes con Eu Son e o PP?

No que respecta ao noso socio estou encantada, con ela e con el tamén. É un luxo ter un concelleiro coa solvencia o rigor e a dedicación de Pedro Pereira. En canto a Esquerda unida moito criticar pero facer moi pouco. Non é compresible que despois dun ano de votar a investidura, pidan a miña dimisión, chamándome ilexítima. E dende logo e moi doloroso que un partido de esquerdas, o que se lle supón unha empatía especial ante situacións de inxustiza, sinale na nota na que piden a miña dimisión, que as miñas continuas faltas de asistencia no lles interesa o por que, sabendo como sabían que estaba de baixa por enfermidade, e non leve precisamente. A falta dun proxecto viable, transversal e inclusivo para Porriño por parte de EU Son reflíctese nesa forma de actuar, espallando de forma incontrolada culpas para todos os que non lle bailan a auga.

Xa tes bo rollo con Alejandro?

Eu non podo ter “bo rollo” cunha persoa cuxo obxectivo político é a destrución do adversario político. Como sexa. Non hai máis proxecto. 

Como exemplo: o feito de que permanentemente, sen importarlle a quen perxudica, si ao Concello ou a empresarios, que noutros tempos lles apoiaron, e que necesitan que se lles aboen o cartos que o Concello lles debe. Da igual. Se iso serve para pór en dubida a honestidade de que lles fala: vale. Se iso debilita ao goberno: válelles. Si iso fai que Eu Son compre seu discurso e retire o apoio ao Goberno: válelles.

A gobernanza, a inquedanza polos problemas da veciñanza non ten importancia. O que importa e o asalto ao poder como sexa. 

Entón as relacións co PP seguen estando tensas?

As relacións con PP serán tensas se o seu proxecto e de destrución e non construtivo. Sirva este incidente coma exemplo: Como acordo de goberno co BNG, decidimos delegar a competencia en materia de compravenda de inmóbeis, permuta, etc., no pleno, co fin de que este tivera coñecemento dende o primeiro minuto sobre o expediente, o non esperara a ver os Decretos de Alcaldía. Así levamos a pleno un expediente para a venda dunha parcela e o PP votou en contra por non ter a información de cal era a empresa á que se lle ía adxudicar. Isto e un exemplo claro do tipo de oposición que fan. Oposición que dende logo ninguén entende e menos comparte.

Non pode haber normalidade cando o PP exclusivamente dedícase a intentar meterme no cárcere, sen ningún tipo de razón, que quede claro. Eu teño pendente máis de 17 denuncias realizadas polo PP contra a miña persoa. Dende o 2.015 o obxectivo do PP é destruírme e non politicamente

E logo?

Destruír ao adversario político, como sexa, levando ao Xulgado calquera actuación desta alcaldesa é un xeito de facer imposible a vida política. Instala hostilidade nalgúns dos seus seguidores e ás veces o ambiente e irrespirable.

Hai facturas duplicadas?

Non, claro que non, rotundamente non. O que pasa é que nós a factura que se refira a un servizo do que non temos constancia absoluta de que se executara, non a podemos pagar. Neses casos devolvémola e en ocasións algunha empresas vólvea presentar , por iso pode aparecer dúas veces. Esa conclusión tirámola dunha auditoría de intervención que determinou con claridade que de duplicidade de facturas non hai absolutamente nada. E todo ese veleno que de maneira sistemática vai inserindo o PP na sociedade crea o caldo de cultivo para que a xente que non ten filtros poida facer cousas espantosa

E os insultos e agresións verbais que sufriches no primeiro mandato continúan?

Si, si continúan. Ao inicio deste mandato cando tomamos posesión Manuel Carrera, Pedro Pereira e os concelleiros de Esquerda Unida, é dicir, os que votaron a favor de investirme como alcaldesa recibiron insultos gravísimos e tivemos que soportar unha agresividade en grao superlativo. E eu mesmo sufrín un intento de agresión física contra a miña persoa. E non che quero dicir como están as redes sociais, cunha virulencia enorme, inspirada por quen asesora a Alejandro de que siga por ese camiño

Quen asesora a Alejandro?

Non o sei, cada un que saque as súas conclusións. A min chegaron a chamarme ” rata de dúas patas” e ese é un só dos moitos insultos recibidos e o PP sábeo e nunca fixo nada por cortalo. Teño un dosier enorme dos insultos e descualificacións que me dedicou unha persoa próxima ao PP, e que ostentou un cargo neste concello, dese modo non é posible ter unha relación normal.

Estás arrepentida de terlle chamado “cabrón” ao líder do PP?

Si, estou arrepentida. Non teño xustificación, tiven que morderme a lingua a pesares da continua provocación do líder da oposición no pleno, que era o que buscaba, que eu saltara. E tivo todo o éxito. Debín votalo do pleno e non darlle a vantaxe de por o acento no meu insulto sen que ninguén lle afeara o seu.

Ben supoño, que alguén si que che defendería?

Ademais dos meus amigos, e a xente que quero e que me quere, só Manuela Carmena, a ex alcaldesa de Madrid, á que eu estou enormemente agradecida pola súa valentía.

Fálanos do Son da Canteira e do Festival de Cans?

Con todas as precaucións do mundo fixemos o Son da Canteira, que resultou un auténtico éxito. Saíu todo moi ben e estivo todo moi controlado. En canto a Cans fixemos moitísimo fincapé nos protocolos de control de acceso, de seguridade e de actuación en xeral para que non haxa ningún problema. Eu creo que está ben deseñado e salvo que haxa un empeoramento das restricións eu creo que se vai celebrar, e agardo que saia todo ben.

Que pasou co aparcadoiro de camións fronte ao restaurante Castro?

Hai unha ordenanza municipal feita por Nelson Santos, na que prohiben aparcar alí. E a nós non nos queda máis remedio que aplicala. Se fixeramos a vista gorda estariamos prevaricando.

Que actuacións fixo o teu goberno para mellorar Torneiros?

Moitas: Remodelamos parques, recuperamos terreos para o lecer da veciñanza. Na fase I solucionamos un grave problema de afundimento e filtracións. Temos un proxecto para facer un aparcamento en batería cerca da garda civil. Imos arranxar a cultural que está no parque do lindano, imos arranxar as pistas deportivas, e nos antigos vestiarios que están derruídos e constitúen un foco de marxinalidade imos facer unha pista de skate. Estamos tratando de chegar a un acordo para retirar as torres de alta tensión, e temos a intención de trasladar alí servizos municipais.

Cando se produza o histórico derbi Atios Pontellas en 3º división, con quen vai ir a alcaldesa?

Eu vou con Porriño.

Pero o Porriño industrial non está en 3º?

Ha ha ha ha. Non digo co Porriño Industrial, eu vou con Porriño. Non vou moito ao fútbol, pero algo tan importante para Porriño como que dous equipos do noso pobo disputen un derbi en 3º división, procurarei non perdermo.

Vaia decepción o resultado das autonómicas?

Con todo o cariño para Gonzalo Caballero, víase vir. O PSdG durante a pandemia estivo desaparecido e deixámoslle todo o espazo a Feijoo, que ten unha habilidade enorme en quedar ben sen facer nada. O presidente é especialista en lavar as mans, o problema sempre é para o goberno central ou para os concellos. O seu é escorrer o vulto

Ídevos cargar a Gonzalo Caballero, ou vai ter outra oportunidade?

Eu creo que o PSdG debe apostar por un proxecto e darlle continuidade. Non podemos estar queimando xente continuamente porque o bloque cómenos. Agora ben, Gonzalo debera rodearse dun equipo que lle asesore para ter unha presenza moito máis intensa. E un proxecto e un discurso que conecte coa cidadanía. Hai que ir ao concreto. Que está a pasar na educación, que está a pasar na sanidade, en que gastou a Xunta os cartos que lle deu o Goberno, cantos sanitarios mais temos, hasta cando vamos a ter que aguantar a telemedicina. Canto vamos a soportar os recortes en servicios esenciais, nunha educación de calidade, e investir de forma significativa en políticas que fomenten a igualdade de oportunidades. Medio Ambiente, novas tecnoloxías, transporte, sanidade, fenda tecnolóxica. Ten responsabilidade, ten medios, ten que facelo e nos dende a nosa parte temos que obrigarlles a retratarse. Pero sobre parámetros de realidade. Non estamos no ámbito de abstracción, sino no ámbito da realidade, do que nos afecta, do que nos atinxe.