Quinto fragmento do diario de Senlúa Arraiana

Salvar o Planeta A Nova Peneira

As derradeiras horas

Cristóbal López A Nova Peneira
Cristóbal López. Comuneiro de Montes de Tameiga, militante de Anticapitalistas e veciño constituinte da Asemblea Veciñal GañaMós.

(Este fragmento do diario de Senlúa Arraiana foi recuperado e adiantado ao noso tempo por Cristóbal López, fiel camarada do avó da futura líder da resistencia arraiana). 

Chámome Senlúa e son membro da resistencia arraiana. Hoxe rematamos a nosa primeira xornada de viaxe ata os asentamentos da Colmea. Un día duro e cargado de emocións. Partimos ao amencer co calor do noso pobo. Non agardábamos unha despedida multitudinaria, só contábamos con enxugar unhas poucas bágoas cos máis achegados. Como se me deu por esquecer que os arraianos sempre responden ás citas co destino. Alí estaban todos querendo contaxiarnos a súa presencia de ánimo co seu sorriso. Cantas olladas de esperanza recaeron en nós. A exaltación da partida acompañounos todo o día, hoxe todo era terra cha, os outeiros estaban aplanados pola forza da emoción. 

Apenas cruzamos palabra entre os integrantes da expedición. Estivemos concentrados en pedalear e reservar a batería das ciclosolares para máis adiante cando as pernas desfalezan e as montañas se axiganten. Absorta no pedaleo foron sucedéndose os quilómetros por este inmenso páramo. A estrada que seguimos está bastante ben conservada e aínda transcorrerán uns cantos días para adentrarnos na zona de Mortefria totalmente escura. A esta altitude a devastación foi menor e atravesamos vilas nas que parece que todo mundo dormita nun plácido silencio. Recoñezo certa fascinación pola silente quietude que nos rodea, como se en calquera momento todo fora a recobrar a vida e o desastre planetario quedara nun pesadelo esvaecido na memoria. 

Nas derradeiras horas da xornada Malatesta achegouse e mantivo o seu ciclosolar paralelo ao meu. Non falamos, apenas cruzamos unhas miradas, pero prendeu un sentimento mutuo de empatía. Se non me engano, sobre este sentimento é posible reconstruír a nosa amizade. Maña achegareime eu a el. Non fai falta falar, a cercanía será suficiente para abrir as nosas corazas. Temos tempo e moito silencio complice por diante.

Ao final miña nai cedeu e deixoume levar comigo o diario da miña avoa. Sei que a miña petición colocouna nun brete. Ela sentía devoción pola súa nai e o diario é a única lembranza da activista viva e mordaz que foi. Para min a súa lectura ten un efecto talismán por iso a miña insolente insistencia. Podo perderme contemplando as vellas fotos que a miña avoa atesouraba entre as follas do seu diario, imaxes engurradas e descoloridas pero que amosan un mundo aínda non marchito.

Estamos guarecidos nunha antiga casa consistorial dun pequeno pobo que se aposta á beira da estrada principal. A miña avoa fai moitas referencias aos gobernos locais ao longo do seus escritos. Denunciaba como só unhas poucas cidades lideraron con forza a transición enerxética, a maioría dos gobernos figuraban nos acordos climáticos por manter as aparencias ante a poboación pero os seus propósitos partidistas estaban máis cos intereses do negacionismo. 

O pobo natal da miña familia non era moito máis grande que este onde descansamos pero a miña avoa sempre dicía que durante moitos anos estivo gobernado por unha alcaldesa cuxa cobiza e ambición desmedida daban para ensombrecer unha gran metrópole. Hai unha pasaxe no diario que evidencia a voracidade pirañesca desta personaxe. Conta como os comuneiros dos Montes da súa añorada parroquia fixeron campañas de concienciación destinadas a pór en valor o monte comunal e ás traídas de augas veciñais. Uns comuneiros quixeron enviar unha carta a cada fogar chamando á atención sobre o custe que tería a pérdeda das traídas comunais para recalcalo nunha das caras da misiva simulaba unha factura dunha empresa privada de subministro de auga. As cartas nunca chegaron a repartirse, segundo parece alguén do servizo de correos exerceu de correveidile e deulle o soplo á alcaldesa quen era a principal promotora da operación especulativa que pretendía arrasar os montes e acuíferos. A alcaldesa, persoaxe tremendamente pagada de si mesma, deu renda solta a súa perversidade realizando unha montaxe mediática para presentar a campaña de concienciación como unha trama para estafar masivamente á poboación. Abusando das prerrogativas do cargo de alcaldesa interpuxo unha denuncia acusando falsamente de graves delitos para ter os condimentos necesarios para o show mediático. Enganar e manipular era como respirar para esta política embriagada de si mesma. A prensa mercenaria e a televisión ao servizo do partido no poder déronlle veracidade a súa gran farsa sen cuestionar nin contrastar un ápice da información sesgada e manipulada. Como as cartas non se repartiron e a veciñanza contemplaba atónita o espectáculo circense orquestado pola alcaldía, esta decidiu repartir masivamente unha copia parcial da carta acompañada dun texto alarmista. Unha vez colocado o artefacto explosivo adicouse a acusar da súa autoría a todo aquel que se opoñía aos seus propósitos e a intentar incriminar ás forzas políticas rivais para aventáxalas no proceso electoral aberto naquel momento. Ela pintaba as dianas na cara da xente e a prensa mercenaria acudía presta a cita co paredón para acribillar aos sinalados. 

Agardo telo resumido con tino porque todo o plasmado por miña avoa sobre este asunto está dun xeito estranamente confuso para unha persoa como ela que facía gala da concisión. Pero o que si me queda claro é que un mundo que se deixe a gobernar por políticos desta calaña estaba irremediablemente destinado a converter en realidade a profecía malthusiana pola ávida voracidade duns poucos. O desastre planetario estaba servido. Abráiame que non se desencadeara antes nunha sociedade que consentía estas tropelías. 

Que é esa algarabía? Algo está ocurrindo na sala de abaixo. Chámanme, baixo. Non vos preocupedes, darei conta do sucedido se é tan importante como anuncia  o griterío.