O BNG apoiará a formalización da adhesión do Concello da Guarda a Rede Ágora

Rede Ágora Concello da Guarda A Nova Peneira

Anxo Baz “ Consideramos un logro que o goberno municipal recapacitase e formalice a adhesión do Concello á rede Ágora cumprindo así co acordo plenario aprobado a instancias do BNG” 

A rede Ágora polo Espazo Público promovido pola Deputación de Pontevedra, marca como obxectivo que de aquí ao ano 2023 o Concello incremente de forma substancial o espazo reservado para as persoas, itinerarios peonís e para a utilización da bicicleta. Trátase dunha iniciativa para revalorizar o espazo público e consideralo como un dereito fundamental para a veciñanza.

Ten como obxectivo garantir a mobilidade peonil que estará por diante na prioridade sobre outros modos de transporte na seguinte orde: bicicletas, vehículos de mobilidade persoal, transporte colectivo e automóbil particular.

Promoverá a mobilidade natural e activa fronte á motorizada tanto nos núcleos urbanos como nos rurais, creando espazos de preferencia peonil nas rúas e prazas centrais da nosa vila e nas parroquias.

O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz declarou que “Consideramos un logro que o goberno municipal recapacitase e someta ao pleno a formalización da adhesión do Concello á rede Ágora cumprindo así co acordo plenario aprobado a instancias do BNG” . No pleno pasado esta proposta fora aprobada co voto en contra do grupo de goberno do PSOE.

O portavoz nacionalista animou ao goberno do PSOE a que tome en serio esta iniciativa, na que vai contar coa man tendida do BNG para a súa posta en marcha e pídelle que, aínda que o prazo de remate é no ano 2023, comece o antes posibel a tomar medidas que son urxentes na nosa localidade.