Carlos Rodríguez “SAXA” Crego de Reboreda

Creo de Reboreda A Nova Peneira

Carlos é o crego de Reboreda, e é un home culto, sensible á dor allea, razoable, e un excelente conversador. Foi un pracer ter seguido o consello do noso bo amigo Andrés Couñago e coñecelo. Velaí vai o que deu de si a nosa extensa conversa

Moitas das prácticas relixiosas da Galicia de hoxe son priscilianistas”

A que ven o teu alcume de Saxa?

É polo sitio onde nacín. Eu son de Saxamonde. O alcume xa mo puxeron no seminario

Neste país, a importancia da parroquia na conformación da súa identidade colectiva é moi elevada, creo eu. Ti de onde te sentes?

Coincido contigo, de feito non é que me sinta é que eu son de Saxamonde

Cando e por que agromou en ti a vocación relixiosa?

O meu avó traballaba no seminario

Non sería cura?

Ha, ha, ha. Non, era cociñeiro

Ben, tampouco sería tan estraño. Casualmente a semana pasada contáronme un caso dun crego de cuxo nome non quero lembrarme que tiña un neto xogando nun equipo de fútbol

Non creo que fose o seu neto, supoño que sería o seu sobriño

Ha ha ha ha ha ha ha ha .Ben, sigamos coa túa historia

Como che dixen o meu avó era cociñeiro de Seminario de Tui, e tamén tiven dous tíos traballando alí. Un deles chegou a ser o chofer do bispo. Asemade tiven un primo meu que pasou por alí e finalmente en 8º de EXB acabei chegando eu

Pero, supoño que con 13 anos, un neno non decide que quere ser sacerdote?

Non, indubidablemente que non. Eu son de familia moi humilde, e naqueles tempos o seminario aínda se observaba como unha posible saída

No teu caso cando descobres a vocación?

Eu creo que no Seminario Maior cando estudei filosofía e teoloxía

Cales foron as túas primeiras parroquias?

Sabaxáns , Santa Mariña de Covelo, Paraños

Houbo unha época na miña vida que a casualidade fixo que me tivera que mergullar no mundo da teoloxía, e seguramente sería incapacidade miña, ou ateísmo militante que me escurece o entendemento Carlos, pero cheguei a concluír que as dúas disciplinas que ti estudaches, a filosofía e a teoloxía, non podían ser compatibles, que a unha anulaba á outra e viceversa. Que pensas?

Eu non concordo coa túa opinión, considero que son terreos diferentes e perfectamente compatibles. A función da filosofía é , basicamente, facer preguntas

E a Teoloxía ofrece respostas?

A Teoloxía ofrece unha soa resposta. No fondo hai dous principios fundamentais, ou ben un acepta que a vida está desde sempre aquí transformándose en metamorfoses continuas, ou ben consideras a existencia dun Deus creador

Ti cres na existencia dun Deus creador, ou queres crelo?

Seguramente estea na mesma posición ca Unamuno

Descoñézoa

Esa loita agónica de crer crelo, créndoo

Caramba, e esa tesitura non che provoca angustia existencial?

Si claro, desde logo que a provoca

Onde estudaches filosofía?

En Salamanca, fixen a licenciatura en dous anos

Vaia, impresionante, pero non sería unha licenciatura como a de Pablo Casado?

Non, claro que non. Eu fixen a Tesiña sobre María Zambrano e a tese doutoral tamén. De feito cheguei a traballar como profesor na mesma universidade de Salamanca

Cantos anos levas de crego?

Comecei en 1.991

Tes sona de ser un sacerdote activista?

Ben, pois non sabería dicirche se é unha sona xustificada. Certo activismo socio político si que teño desenvolvido

Por exemplo?

Pois recordo ter participado en Paraños, na creación dunha AVV , con certos problemas co Concello por certo

Paraños está en Covelo, supoño que o alcalde co que tivestes tensión sería o eterno Pepe Costas?

O mesmo

Pepe, ao meu xuízo claro, tiña unha forma de gobernar moi característica en moitos concellos da Galicia profunda, e moi vencellada con caciquismo endémico que leva padecendo o noso país desde a noite dos tempos. Ese modus operandi, telo observado durante o exercicio do teu sacerdocio?

Si, obsérvase sobre todo nesas vacas sagradas que foron alcaldes desde o inicio dos tempo

Nas terras do Val da Louriña tamén exerciches verdade?

Si, nas parroquias de Petelos e de Sanguiñeda

No corpus teórico do cristianismo existen santas e santos, iso non é unha cristianización do politeismo?

Non, non o é. Nos seus inicios os cristiáns non sabían moi ben onde situarse pois non eran nin xudeus nin politeistas e ese problema de identidade levounos a verdadeiras desfeitas culturais

O proceso de cristianización de Galicia é peculiar verdade?

Abofé que o é. Aquí seguimos a manter o nome primixenio das parroquias, e o único que se fai para cristianizalas é engadir un xenitivo. Asemade en Galicia, moitas das prácticas relixiosas de hoxe en día son priscilianistas

Por exemplo?

A forma de practicar o culto aos mortos, entendéndoos como parte da parroquia, só se dá aquí.

Prisciliano é quen está enterrado na catedral de Santiago como se fose o apóstolo?

Non che vou a dicir que non

Supoño Carlos que ti non creras no asunto ese da barca de Pedra que veu de Palestina?

Non home, claro que non.

Eu creo Carlos que se existise Deus, non faría categorizacións morais en función das posicións intelectuais. Ti que opinas?

Estou seguro de que non as fai. Iso por desgraza facémolo as persoas. Incluso condenar no nome de. As persoas medímonos exclusivamente polos nosos comportamento, e o que nós facemos é o único que é correcto valorar

Ti sempre deches a eucaristía en galego, tiveches algunha vez problemas por facelo así?

Non, nunca xamais, nin con ningún fregués, nin con ningún superior

Cando a evidencia indica que a morte física dun ser querido está próxima, como se lle pode dar consolo moral?

Esa é unha pregunta de moi difícil resposta, a dor e o sufrimento é algo moi complicado de explicar. É realmente incomprensible ás veces como a vida pode chegar a ser tan inxusta e terrible

Eu teño debatido máis dalgunha vez con algún cristián sobre ese tipo de espantosas realidades e o que me aducen é o “libre albedrío”

O libre albedrío non é suficiente para explicar o mal e a dor .O mal é inexplicable

Lembras aquela fotografía de Ernesto Cardenal axeonllado diante de Xoán Paulo II?

Si, lémbroa claro que si

E que opinas?

Eu tiven a sorte de ter profesores que me marcaron unha liña liberadora, non opresiva nin opresora como é o caso desa foto no que o Pontífice Máximo, a modo de emperador, está reprendendo a un súbdito. As cousas afortunadamente están mudando

En serio?

Están mudando a nivel formal, pero cambios estruturais non hai. Eu creo que o Vaticano é unha forza de poder terrible

Viches as 3 partes da película “O padriño”?

Si

A representación que se fai nesa película do Vaticano como unha estrutura mafiosa sen ningún tipo de escrúpulo moral incluso para asasinar, responderá á realidade?

Agardo que sexa unha esaxeración malia que existen relacións de poder dentro do Vaticano, eu creo que si é certo.

A división entre os cristiáns católicos e os ortodoxos é política?

E a dos luteranos tamén, incluso máis. Dáte de conta de que a igrexa recolle todas as estruturas incluso as terminolóxicas do imperio romano

Rematamos Carlos agradecéndoche este rato tan agradable e cunha pregunta complicada: A consideración da existencia dun ente volitivo metafísico como creador das cousas físicas perdurará ao longo de toda a historia da humanidade, ou corre o risco de ser algunha vez cousa do pasado?

Ten que haber un Deus persoal. Ogallá que algunha vez o ser humano comece a pensar no ben colectivo, iso si que sería unha revolución substancial na historia da humanidade

Primer comentario

Deixa a túa opinión