Carme Núñez voceira do BNG de Tui

Carme Tui BNG
Tino Lago

Hai dúas características que me resultan arrebatadoras nas persoas, que me seducen e que me levan irremediablemente a buscar a súa compañía e a súa opinión. Son a bondade e a intelixencia. Carme é desas persoas que, de cando en vez, moi de cando en vez, atopa un no medio dos camiños da vida e que posúe as dúas en cantidades industriais. Unha vez máis foi un pracer para min compartir un café con ela no fermoso casco vello da antiga capital do país galego.

Todo o BNG de Tui está moi ilusionado co seguinte proceso electoral. Queremos gobernar e imos a por todas”

Comezamos pola actualidade máis rabiosa, Carme: hoxe, 6 de maio, hai unha charla do goberno municipal en Pexegueiro, a túa parroquia. Vas ir?

A charla vai tratar sobre o plan da compostaxe municipal. Lamentablemente por un compromiso persoal non vou poder ir. E asegúroche Tino, que me dá moita pena por dúas razóns:1) porque é nunha parroquia,algo que non se fai moito.2)porque a compostaxe é unha das bandeiras da política ambiental do BNG e teño moito interese en coñecer como a pretenden desenvolver

Segues pensando que o goberno municipal non trata por igual ás parroquias có casco ?

Si, sigo pensado o mesmo. De feito, moitas das medidas que se fan no casco urbano prexudican ás parroquias como, por exemplo, o do aparcamento. A xente das parroquias non ten transporte público para vir ao centro, teñen que desprazarse en coche e agora van ter que pagar o aparcadoiro. O único que se fai para as parroquias é arranxar algunha carreteira e pouco máis.

Ti vives en Pexegueiro. Na túa parroquia, por exemplo, hai servizos suficientes para poder desenvolver a vida con normalidade?

Podo dicirche que a miña vellez non a vexo e Pexegueiro. E non porque non me gustaría, que me encantaría, senón porque non o vexo posible. Onde vivo teño que desprazarme en coche para calquera cousa e se de maior xa non podes conducir vives illada. Temos feito propostas desde o BNG para que o concello utilice os espazos baleiros que ten cheos de maleza, para acondicionalos con bancos, xardíns ou calquera outra actuación que facilite que a xente poida reunirse e socializar .

Estamos a un ano das eleccións, cal é a túa valoración do goberno municipal neste mandato.

Moi decepcionante. É a primeira vez que Tui está gobernada pola esquerda, con maioría absoluta, e están a gobernar exactamente igual que o facía o PP. Sen ningún tipo de consenso, totalmente o contrario. Un concelleiro do PSOE dicía que co BNG non se podía dialogar. Pero é que nunca nos aceptan nada.

Pois a versión do PSOE é que con vós non é posible dialogar?

E de que imos dialogar se en 3 anos non nos fixeron nin unha soa proposta¡¡, e cando facemos algunha proposta nós é desbotada

Por exemplo?

Hai pouco propuxemos que o edificio de Cam Fran, que está abandonado, se arranxara para facer un espazo para que se reunisen as distintas asociacións do concello, facer un local de ensaio para a banda da Tui… Propoñiamos un espazo como unha zona de multi actividade. Isto levámolo a dous plenos. O alcalde púxoo encima da mesa como proposta a estudar, cando chegamos a esa comisión informativa xa había un anteproxecto onde valorábase poñer policía local, centro de día, centro para reunir ás asociacións, isto como decisión unilateral do PSOE .

Entón, non ves cambios substanciais entre este goberno e os que tivo o PP?

Eu creo que a día de hoxe ata empeora. Nin o problema do aparcamento está resolto, nin ten vías de resolverse porque a maneira que teñen de abordalo considero que vai provocar que vaia a peor.

Fíxate ía preguntarche agora polo do aparcadoiro?

No último pleno o alcalde volveu insistir en facer o proxecto que ten pensado dun aparcadoiro privado e de pago, cunha concesión de 40 anos a unha empresa. Un aparcamento con 298 prazas, das que 36 van ser destinadas ao centro de saúde. Isto o que vai levar é a suprimir 430 prazas de aparcamento gratis que hai agora mesmo en superficie. Exactamente, non sei a que altura está o proxecto pero, para empezar, houbo que desembolsar 1.700.000€ para comprar 75 prazas de garaxe para o concello e para o mantemento de todo o ano. Dá a impresión de que é o concello o que vai pagar é a construción do aparcadoiro para logo ceder a explotación a unha empresa privada durante 40 anos. A experiencia doutros concellos limítrofes di que isto non funciona.

Con este tema xa houbo problemas desde o principio, non?

Si. A este concurso presentáronse dúas empresas, ao principio gañou unha delas, a segunda reclamou e admitíronlle o recurso. Volveuse sacar a concurso e gañou a segunda. Agora sospeitase que a que perdeu vai volver reclamar.

A suposta falta de capacidade para o diálogo do goberno foi, ao teu xuízo, o motivo da ruptura do goberno municipal?

Realmente non o sei, pero creo que pode ter algo que ver. Nós gobernamos dous anos co Partido Socialista e tivemos que aguantar moito, ás veces non foi nada fácil.

E que tipo de posición ten Lano Alonso agora na oposición

Ten unha posición bastante crítica.

Creo que un dos motivos do enfrontamento de Lano co PSOE foi a taxa do lixo. Como está ese tema e cal é a posición do Bloque?

Laureano e os hostaleiros teñen razón, hai que cambiala. Hai que elaborar unha nova taxa e cóntase co compromiso do alcalde de que o van a facer.

Quen é, ao teu xuízo, responsable de que en Tui haxa unha taxa de lixo anormalmente elevada ?

O PP. Isto xa ven de antes

A apertura da rúa Ourense que efectos tivo no tráfico de Tui?

Empeorou lixeiramente a situación. Esta rúa fai como un embude nas horas fortes de máis tráfico. Para non ser Tui tan grande, o tráfico é tremendo. Penso que debería de facerse doutra forma, porque creo que esta rotonda empeorou o tráfico substancialmente.

Hai pouco presentastes unha moción referente ao Sahara. Cal é o resultado?

Ben, saíu aprobada. Votamos todos os grupos a favor.

E non lle custou ao goberno municipal do PSOE votar en contra da posición do PSOE do Estado?

Creo que o alcalde dixo que aínda que non estaba cento por cento de acordo co texto ía votar a favor.

Faime unha síntese das vosas liñas de traballo político máis significativas?

Presentamos moitas mocións en cada pleno e insistimos moito en tódalas melloras medioambientais, cremos que temos que ser pioneiros nisto e non chega con colocar un contedor de reciclaxe.Temos que ser valentes e estar comprometidos con políticas medio ambientais realmente transformadoras

Aprobáronnos unha moción para mudar a xestión do punto limpo, outra para intentar mellorar a reciclaxe nas parroquias, tamén outra para a sinalización das parroquias e a recuperación do seu patrimonio. Todas aprobadas e en ningunha se fixo nada de momento.

O que non entendemos foi a actuación na praia de Areeiros en Guillarei, asfaltaron para que os coches puideran aparcar xusto ao carón, con isto somos moi críticos.

Tema tallante pola nosa parte foi o do aparcadoiro que desde un principio dixemos que non e fixemos campaña en contra.

Tamén defendemos o valor que ten o mercado dos xoves e a súa tradición histórica. Trasladárona para abaixo ao carón de Cam Fram e nós non o compartimos. Perdeu a hostalería, os vendedores do mercado e a xente do comercio local co cambio de localización. Fixemos a proposta de establecela na Corredoira e na Rúa Augusto González Besada para recuperar o seu poder de tradición.

Que ambiente percibes polas rúas de Tui en relación ao goberno e en relación ao BNG?

Penso que valoran o traballo que facemos pois intentamos ser moi serios e moi responsables.

Co goberno percibo certa decepción, había moita expectativa e detecto malestar, sobre todo polo casco urbano.

Rematamos Carme. Estás animada para ser candidata no 2023?

Eu estou ao dispor das miñas compañeiras e compañeiros do bloque de Tui para situarme no posto que consideren. En calquera caso, tanto eu coma as demais persoas do bloque temos unha enorme ilusión neste proceso electoral e a nosa vontade é gobernar .Temos un proxecto realmente transformador para Tui e con toda a humildade atrévome a pedir a confianza para podermos facer de Tui unha cidade da que nos sintamos orgullosas e orgullosos, e na que a procura do ben común de maneira equitativa e xusta sexa o sinal de identidade do seu goberno.