Chamamos erroneamente telebasura a programas que contan as miserias de personaxes que venden a súa intimidade ao mellor postor. Os consumidores deste tipo de espectáculos, saben que nada do que alí sucede pode ser tomado en serio porque todo é tan burdo que ninguén o cre. A verdadeira telebasura é a formada pola meirande parte dos xornais, tertulias, medios e xornalistas que son considerados referentes e de rigor, que aproveitándose da confianza que lles outorga á súa audiencia, manipulan á opinión pública, sen importarlles para nada o dano que fan con tal de conseguir os seus fins que non son outros que procurar que o poder económico e político siga nas mesmas mans.
No plató de televisión de García Zorreras, atoparíase Esopo cos ingredientes necesarios para escribir unha fábula de máxima actualidade, que sería útil para facernos reflexionar sobre feitos que non só acontecen aquí, senón que tamén, na meirande parte dos medios a nivel global.
Séntanse no curral, arredor dunha raposa, galiñas que pensan que están a alimentarse e moverse libremente. A cotío moitas delas gábana sen pudor xa que o penso escasea. As que descobren que non están a ser criadas en campo aberto, senón nunha granxa industrial, e deciden alborotar o galiñeiro, son decapitadas sen piedade. As que toman a decisión de independizarse e montar o seu poleiro para cantar nun ton diferente ao seu, aplícanlles a lei do silencio porque consideran que desafinan.
No curral van tomando a palabra as diferentes autoridades galináceas. Mentres cacarexan elas, democráticas, felices e contentas, a raposa relámbese as gadoupas, sabedora de que o que acontece na súa guarida está a empozoñar á macrogranxa, que ao outro lado do televisor observa convencida de que é unha marabilla ter o privilexio de vivir nun país no que cada un pode opinar libremente sobre calquera tipo de tema.
Cando a audiencia está completamente adormecida e entregada, a raposa aproveita para abalanzarse sobre o galiñeiro. As aves desconcertadas non acertan a discernir si están sendo abducidas pola esquerda, dereita ou polo centro e sumisas agardan a que a besta lles crave os dentes.
Unha vez rematado o festín a raposa reúnese cos seus superiores os voitres, hienas e chacais para preparar novas estratexias de ataque. Algunhas delas son burdas, segundo eles mesmos comentan, pero tanto lles ten, porque non agreden por fame, senón polo pracer de someter, de dominar e amedrentar.
Dende as súas plataformas, a pesares de que xa son de sobra coñecidos os seus intereses, seguen lanzando porcións de excrementos que flotando desprázanse polos sumidoiros. Entre eles póñense de acordo para evitar que a súa bazofia pase polos filtros das depuradoras, coa intención de contaminar ao maior número de habitantes. Liberarnos dos seus coliformes fecais non é doado, pero non podemos perder a esperanza de que algún día comecen a funcionar as estacións que depuran as augas residuais, para que a poboación poida facer un consumo seguro dun ben tan necesario para a normal convivencia.
A toda fábula correspóndelle unha ensinanza. Nesta ocasión gustaríame que cada quen lle busque a súa propia, a que máis se axuste ao seu xeito de interpretar a realidade que estamos a vivir.