Urxe maior control sobre as instalacións das eléctricas

eu son porriño

Nova ordenanza, inventario de instalacións e soterramento das liñas de alta tensión

O Porriño, 23 de marzo de 2022

EU SON presenta ao Pleno ordinario do 30 de marzo unha moción para a redacción dunha nova ordenanza que regule a taxa por utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local das instalacións de transporte de enerxía eléctrica, auga, gas e hidrocarburos que se axuste á realidade.

Esta ordenanza servirá para que as compañías paguen pola ocupación, na totalidade dos casos, do solo e subsolo no Concello do Porriño. As torres de alta tensión que padecemos na nosa vila, ao contrario do que acontece noutros concellos como o de Arteixo, non se inventariaron polo que non están gravadas.

As grandes compañías teñen que contribuír coas arcas municipais polo uso do espazo público. Os fogares da xente traballadodra, autónomos e autónomas e pequenas empresas xa o fan e cumpren coas súas obrigas fiscais mentres reciben facturas de electricidade e gas que as están a afogar. Os maiores ingresos de quen máis gaña permitirán investir en melloras que para veciños e veciñas. Hai que soterrar as liñas de alta tensión, como no caso de Torneiros, e que mentres non se faga, estes núcleos residenciais se vexan favorecidos de xeito prioritario polo recadado con estas taxas.

Hai cinco anos xa que se aprobou por unanimidade unha proposta de EU SON no mesmo sentido á que non se deu cumprimento. Nin se redactou unha nova ordenanza nin se inventariaron todas as instalacións. É hora de tomar en serio este tema e que quen máis gaña, facendo uso do público, pague.