O conservatorio superior de música de Vigo podería perder máis do 40 % do seu horario de apertura

O alumnado denuncia que a modificación da RPT anunciada pola Xunta podería reducir máis do 40 % o horario de apertura do centro e inicia unha recollida de sinaturas en Change.org para frear esta medida.

O alumnado do Conservatorio Superior de Música de Vigo está en perigo de perder máis do 40% do seu horario de apertura tras a publicación da última modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do centro por parte da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Esta decisión podería provocar que o horario de apertura do conservatorio pase das actuais 14 horas diarias a tan só 7 horas, comprometendo gravemente o funcionamento ordinario do único centro público de ensinanzas artísticas superiores de música do sur de Galicia.
Esta redución podería supor a perda de 30 das 70 horas semanais de apertura, afectando directamente á docencia, ao estudo e ás actividades culturais organizadas polo centro, como o Festival Nas Ondas. O impacto sería especialmente grave para o alumnado de percusión e piano, xa que a maioría non dispón destes instrumentos nas súas vivendas e depende das instalacións do conservatorio para poder estudar.
Esta decisión non constitúe un feito illado: enmárcase nunha política continuada de recortes da Xunta de Galicia na educación e nos servizos públicos, que afecta a distintos ámbitos e que compromete os servizos públicos e o ensino superior artístico.
O alumnado tamén lamenta a falta de diálogo institucional: Ana Ortiz, delegada da Xunta en Vigo, rexeitou manter unha reunión cos representantes do alumnado, unha decisión que consideran representativa da actitude da administración fronte ás preocupacións expresadas pola comunidade educativa.
O CSMVigo desempeña un papel esencial como único centro público de ensinanzas artísticas superiores de música da provincia de Pontevedra e como referencia cultural para todo o sur de Galicia. A súa labor vai máis alá da formación académica, sendo un pilar fundamental na vida cultural musical da contorna. A redución de recursos humanos e das horas de apertura contribúe a agravar o desequilibrio territorial existente entre o norte e o sur de Galicia en materia de oferta cultural e educativa.
Co obxectivo de evitar que esta medida se leve a cabo e de recadar apoio social, o alumnado iniciou unha campaña de recollida de sinaturas a través da plataforma Change.org, ao tempo que continúa traballando con representantes do profesorado e organizacións sindicais para defender o mantemento do servizo público.
No Pleno do Concello de Vigo celebrado o 29 de xuño de 2026 debateuse unha moción presentada polo Grupo Municipal Socialista en apoio ao Conservatorio Superior de Música de Vigo. Durante o debate, o Grupo Municipal Socialista defendeu o mantemento da totalidade dos postos de traballo do centro, mentres que o BNG cualificou a amortización de prazas como “un grave exercicio de irresponsabilidade e unha perda irreparable de talento creativo”. A moción foi aprobada por maioría, con 20 votos a favor e 5 abstencións, reflectindo un amplo apoio institucional á defensa do conservatorio.
Así mesmo, cómpre lembrar que xa no mes de marzo, durante unha sondaxe informal mantida cunha inspectora, se apuntou a posibilidade de reducir postos de traballo. No entanto, a comunidade educativa non recibiu ningunha comunicación oficial sobre esta decisión ata o último momento.
A comunidade educativa denuncia igualmente a persistente indefinición da Xunta sobre a natureza institucional do Conservatorio Superior de Música de Vigo. A administración non aclara se o centro debe ser tratado como unha ensinanza de secundaria, universitaria ou doutra natureza específica, unha falta de criterio que se reflicte directamente na planificación e dimensionamento do seu persoal e dos recursos necesarios para garantir un funcionamento adecuado.
O alumnado solicita á Xunta de Galicia a revisión inmediata desta modificación da RPT, a apertura dun proceso de diálogo real coa comunidade educativa e a adopción das medidas necesarias para garantir o funcionamento normal do Conservatorio Superior de Música de Vigo, unha institución imprescindible para o desenvolvemento educativo, artístico e cultural do sur de Galicia.

Ler máis

Caixa de música: No eido da música popular

No eido da música popular, ó igual que no resto dos eidos da vida, o papel das mulleres no seu desenrolo e consolidación tivo e ten un peso fundamental para comprendérmonos mellor coma sociedade.
Ó igual que houbo compositores, tamén houbo e hai compositoras (a mor das veces achantadas pola propia sociedade, marcadora de roles inxustificables) que deixaron unha importante pegada no noso acervo musical.
É o caso de María Xosé López. Gaiteira e zanfoneira, multi instrumentista, amais de cantora, que deixou en repetidas ocasións o seu bo quefacer compositivo en gravacións diversas, coma nas de Muxicas, Anamoura ou No Son do Río.
Este é unha muiñeira que compuxo no ano 2017, coa seguinte adicatoria: “Muiñeira para os ausentes”. Un tema para gaita, escrito en Dom, con todo o fondo sentimento que isto con leva.

Ler máis
Cargando
  • Vigo
  • A Louriña
  • Baixo Miño
  • Condado
  • Morrazo
  • Pontevedra
  • Redondela
  • Val Miñor

Lucía Santos, voceira do BNG de Marín

Se algún dos 35 concellos da nosa área de influencia precisa un cambio político con urxencia ese é Marín. Este concello ten graves problemas estruturais que fan moi difícil poder construír un proxecto de vida na localidade

O podcast Onda Torrella pon a Redondela no máis alto do país

Onda Torrella é un podcast que se emite en Radio Redondela. Recentemente gañaron en Fene un prestixioso premio no concurso de podcast galegos, que organiza a asociación de radios municipais de Galicia, e nós quixemos coñecer un pouco mellor ás dúas persoas que fan o programa. Eles son os nosos amigos Fon e Alicia